Robert Henke nos WOS Encontros do Gaiás

Santiago de Compostela, 05 de Setembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia é escenario esta semana, mañá mércores e o xoves, de parte dos Encontros do WOS Festival que este certame de cultura urbana e vangardista celebra en espazos emblemáticos de Santiago de Compostela. Nestes faladoiros abertos ao debate, o Gaiás contará coa presenza de Robert Henke, referente internacional da música electrónica e artífice do Ableton Live, o software de creación musical por excelencia.

 

A colaboración entre o Gaiás e o WOS Festival enmárcase dentro do compromiso da Cidade da Cultura coa promoción da creatividade e coa análise das novas formas de xestión cultural, operando como un espazo para o debate e a formación de profesionais do sector cultural en Galicia.

 

Os WOS Encontros celebraranse no Auditorio Neira Vilas e comezan mañá mércores, ás 16. 30 horas, cun faladoiro sobre as novas estratexias de comunicación e a presenza de marca en proxectos culturais no que Víctor Flores, fundador do Colectivo SINSALaudio e do Festival Sinsal, e Víctor Mantiñán, product manager de de 1906 e SON Estrella Galicia, analizarán os cambios producidos nestes eidos, partindo de iniciativas de grande éxito.

 

O segundo Encontro desa mesma xornada abordará os modelos de xestión de diferentes festivais musicais, tras a excelente acollida que este faladoiro tivo na pasada edición. Nel contarase coa presenza de representantes dalgún dos festivais máis interesantes do panorama actual: o Monkey Week Son Estrella Galicia, o Keroxen e o Electrónica en Abril.

 

Robert Henke

O xoves día 7, os Encontros do WOS na Cidade da Cultura contarán cunha figura relevante no mundo da música electrónica como é Robert Henke (Berlín, 1969), ligado para sempre á auxe da escena techno na Alemaña de mediados dos anos noventa.

 

Xunto ao seu socio Gerhard Behles sentou as bases para un minimalismo sonoro, inspirado no dub e o ambient, que máis tarde popularizarían os selos Kompakt e Basic Channel. Pero o verdadeiro impacto a nivel mundial obtivérono grazas ao software que eles mesmos deseñaron para tocar en directo: o Ableton Live, chamado a converterse nunha das ferramentas máis revolucionarias da historia da música electrónica.

 

A súa presenza nos Encontros do WOS no Gaiás permitirá profundar na súa dobre vertente, como músico e innovador tecnolóxico, que lle levou a embarcarse no seu proxecto máis ambicioso ata a data: Lumière, un espectáculo a medio camiño entre o live electrónico e a experiencia lumínica, onde láseres de alta capacidade van debuxando libremente todo tipo de formas en sincronía co son.

 

 

No entanto, antes deste encontro con Robert Henke, Néstor Lizalde (Licenciado en Belas Artes con Máster en Artes Visuais e Multimedia e Estudos Superiores de Deseño e Electrónica) e Patxi Araujo (mestre no Departamento de Arte e Tecnoloxía da Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco) abordarán no Auditorio Neira Vilas as novas gramáticas de creación contemporánea, baseándose na súa experiencia como artistas de proxección internacional, e como os novos medios representan un lugar común no que converxen as tecnoloxías dos medias e informáticas, a fotografía, a música e o cinema.