Preto de 11.000 visitas a 'Castelao maxistral', no seu primeiro mes de apertura

Santiago de Compostela, 11 de Novembro de 2018

A exposición Castelao maxistral. A boa  obra ao mestre honra  ten recibido preto de 11.000 visitantes no seu primeiro mes de apertura. O alto interese por esta mostra, que exhibe por vez primeira en Galicia o icónico lenzo A derradeira leición do mestre, constátase tamén entre a comunidade educativa. Así, no mes de outubro achegáronse ao Museo Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, máis de 900 escolares, de 16 centros educativos, para participar nas visitas educativas que existen ao redor do proxecto expositivo e para as que xa están inscritas outras 70 escolas.

A Xunta trouxo este outono por vez primeira a Galicia A derradeira leición do mestre, obra simbólica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que nunca antes tiña saído de Buenos Aires, onde foi pintado en 1945 polo artista de Rianxo, en homenaxe ao seu amigo e intelectual asasinado Alexandre Bóveda. Considerada o ‘Guernica galego’, a xenerosidade do Centro Galicia de Buenos Aires permite a súa exhibición temporal no Museo Centro Gaiás ata o 3 de marzo de 2019, como eixe central de Castelao maxistral, exposición coa que a Consellería de Cultura e Turismo pretende pór en valor o importante papel que xogaron na construción do ensino público os mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936).

Concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

A exposición está arroupada por unha serie de actividades como o concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, o sábado 1 de decembro, ás 18.30 horas, no Museo Centro Gaiás. O egrexio rianxeiro foi cantor, fundador, escenógrafo e presidente da coral pontevedresa e por este motivo a exposición Castelao maxistral vístese con este recital gratuíto —cuxos convites poderán retirarse proximamente no Museo Centro Gaiás— no que ademais se poderá apreciar un dos nove panos deseñados polo propio Castelao.

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra actuou por primeira vez en público o día 9 de abril de 1925 na igrexa conventual de San Francisco de Pontevedra. Daquela, naceu coa intención de reivindicar a brillante tradición musical de Galicia, a mans dun grupo de relevantes personalidades, entre elas Antón Losada Diéguez, Alfonso R. Castelao, Alexandre Bóveda, Antonio Blanco Porto ou Antonio Iglesias Vilarelle.

Desde aquel momento ata o día de hoxe, a coral suma centos de concertos, moitos deles fóra das nosas fronteiras. O seu repertorio céntrase en música medieval, polifonía dos séculos XVI e XVII, maiormente sacra e madrigais, e música popular harmonizada, sobre todo galega. Ao longo destes máis de 90 anos, a coral foi dirixida por numerosos profesionais: Antonio Blanco Porto, Antonio Iglesias Vilarelle, Manuel Fernández Cayeiro, Agustín Bertomeu Salazar, José Antonio Sánchez Rodríguez, José Verea Montero, Marlene Armentero Cutiño, e desde 2013 por Nanette Sánchez Ordaz . Entre outros galardóns, recibiu a Primeira Medalla de Prata da Cidade de Pontevedra e o Premio Cidade de Pontevedra 2000.

Visitas relatorio

O pasado 10 de outubro puxéronse en marcha as visita-relatorio ‘Descubrindo o Castelao maxistral’, un xeito de coñecer máis polo miúdo, e a través de expertos e especialistas, o ensino e o contexto socio-político da segunda República, á vez que a figura e obra dun dos artistas galegos máis universais da cultura galega como foi Castelao.

As visitas-relatorio arrancaron da man do comisario da exposición, Miguel Anxo Seixas Seoane, e con todas as praza completas. O mesmo éxito rexistrou ao do catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e tamén a prevista para a do 14 de novembro co profesor de política educativa e da historia da educación da USC e presidente da Asociación Española de Historia da Educación,  Antón Costa, que tamén esgotou as inscricións.

No entanto, aínda poden sumarse visitantes para a última do 21 de novembro, con Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, institución que atesoura unha importante representación da obra e documentación de Castelao. Todas as sesións son de balde.

Concerto da RFG e Combate de debuxantes

O amplo programa de actividades ao redor da exposición Castelao maxistral conta tamén cun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia (RFG) o 17 de xaneiro, no Museo Centro Gaiás. Paul Daniel, o seu director titular, creou para acompañar esta exposición un programa especial, baseado nunha escolma musical na que os e as asistentes farán un percorrido pola música na súa época e nos diferentes lugares nos que Castelao viviu no exilio. O programa estará composto por obras de Korngold, Quiroga, Milhaud, Stravinsky e Piazzola.

A faciana de Castelao como excelente e prodixioso debuxante tamén será tida en conta nas actividades que arroupan a mostra. Deste xeito, está previsto un Combate de debuxantes e tamén unhas xornadas académicas. Todo isto co obxecto de completar unha visión poliédrica dun personaxe tan polifacético como universal e unha das figuras máis destacada da cultura de Galicia.