Presentación do concerto Uxía-o no Gaiás

Santiago de Compostela, 28 de Setembro de 2017

A Cidade da Cultura, no marco de programas de actividades asociadas á exposición de Antón Lamazares Flor Novoneyra, acollerá o sábado 14 de outubro un concerto de Uxía, onde a artista interpretará temas do seu novo traballo, un libro-disco no que canta poemas de Uxío Novoneyra.

Para a presentación deste traballo, que leva por título Uxía-o, a cantante elixiu no Museo Centro Gaiás o espazo expositivo de Flor Novoneyra, unha mostra na que Lamazares transforma en pintura unha escolla de versos de poeta do Courel. Precisamente diante da colección de caligramas de Uxío, Uxía interpretou un tema do seu novo traballo.

“A poesía de Uxío ten un ritmo interno que a fai moi adecuada para ser cantada”, destacoua cantante. Neste traballo, a artista galega colabora co multi-instrumentista brasileiro Sérgio Tannus. “Quería que esta visión sexa a máis actual e universal posible, colocando o acento na contemporaneidade e musicalidade da obra de Novoneyra”, explicou.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Fernández Gómez, destacou “a vixencia da poesía de Novoneyra e os seus versos neste diálogo coas artes actuais, coa música e coa pintura, que tan ben souberon recoller Uxía e Lamazares, dous dos mellores embaixadores da lingua e cultura de noso, neste novo disco e na exposición que hoxe lle serve de marco a esta presentación”.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, destacou que o concerto de Uxía no Gaiás será unha oportunidade para mergullarse “no universo poético de Novoneyra”, nun espazo no que se poderá gozar da voz de Uxía cantando os versos de poeta do Courel, pero tamén se poderá visitar a exposición na que un dos grandes pintores galegos, Antón Lamazares, transforma en cadros os poemas de Novoneyra.

Poemario familiar

Uxía-o é unha homenaxe a Novoneyra con 16 cancións que resoan a muiñeira e os alalás. Para determinar o repertorio, Uxía e Sérgio escolleron de entre os seus poemarios o que atoparon “máis próximo e familiar”, en ocasións unindo varios poemas, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformado en alalá.

Xunto ás novas composicións encóntranse unha adaptación de Caen as follas, de Emilio Cao, ou os Alalás encadeados, poema inédito dedicado aos emigrados galegos na diáspora para que conservasen as métricas populares e que fora incluído no disco de Uxía Meu canto (Fol Música, 2011).

No disco participan tamén Isaac Palacín (percusión), Santi Cribeiro (acordeón) e José Manuel Díaz (contrabaixo), e conta coas colaboracións especiais de Ana Isabel Días (arpa clásica), Quim Farinha (violín), Alberto Vilas (piano), Fred Martins (voz) e Lui Coimbra (contrabaixo).

O libro disco, deseñado por Niko Alvarellos, combina unha obra de collage feita para o mesmo por Lamazares e un traballo de fotografía artística de Misha Bies Golás na aldea de Parada do Courel, xunto aos textos dos poemas seleccionados para ser musicados, e os caligramas dalgúns dos versos dos mesmos, feitos polo propio Novoneyra, nunha sorte de obra musical, poética e plástica, editado pola Fundación Novoneyra.

O concerto de Uxía no Museo Centro Gaiás terá lugar o vindeiro sábado 14 de outubro ás 20,30 horas. A entrada será de balde previa retirada de invitación na recepción do propio museo entre o martes e o domingo de 10 a 20 horas. A exposición Flor Novoneyra que é o xermolo desta actuación tiña previsto clausurarse o 15 de outubro. No entanto, finalmente, amplíase a súa estadía ata o 26 de novembro.