Pequefilmes promove o cinema infantil con proxeccións de curtas e obradoiros

Santiago de Compostela, 21 de Xaneiro de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia promove o cinema infantil coa celebración do Festival ‘Pequefilmes’, que na súa segunda edición proxecta durante esta fin de semana máis dun cento de curtametraxes, distribuídas en 23 sesións e procedentes de 33 países dos cinco continentes, que son complementadas con obradoiros de animación audiovisual tamén dirixidos á cativada.

Tras o éxito da anterior edición na que participaron 1.500 rapaces e rapazas, este festival de carácter pioneiro en Galicia, volverá converter este sábado e domingo as instalacións do Museo Centro Gaiás nunha gran sala de cinema, na que os rapaces e rapazas teñen un papel activo e participativo, ao poder votar as súas fitas favoritas.

Proxeccións por idades

As proxeccións faranse en sesións por idades —de 0 a 3 anos, de 4 a 8 e ata os 12 anos— e nelas proxéctanse traballos seleccionados coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Agadic e moitos deles premiados en festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo: Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest e o prestixioso Clermont-Ferrand, que conta en ‘Pequefilmes’ cunha sesión específica só de curtas procedentes deste relevante certame internacional.

A programación de ‘PequeFilmes’ recolle, deste xeito, o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia, ademais de que se converte nunha oportunidade única para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance polos circuítos convencionais.

Ademais, as curtas seleccionadas ofrecen unha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento.

Tres seccións de balde, unha delas con curtas escolares

Ademais das tres seccións, artelladas por tramos de idades, ‘Pequefilmes’ conta con outras tres de balde, cuxas curtametraxes, ao igual que as fitas do tramo de 0 a 3 (Sesións ‘Vagalumes’), non entran nas votacións do público.

Unha destas tres sesións de balde é ‘Cinema en curso’, no que se proxectan curtametraxes realizadas por mestres e escolares de centros educativos galegos. Estas fitas son o resultado dun programa co mesmo nome que, en colaboración co CGAI da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), desenvolve nas escolas os potenciais pedagóxicos da creación cinematográfica no contexto educativo.

Tamén forman parte destas seccións gratuítas os ciclo ‘Pequeseries’; e o de ‘Carta Blanca Clermont-Ferrand’, con fitas seleccionadas e cedidas por este prestixioso festival internacional a ‘Pequefilmes’.

Premios do público

Tras ver as curtas, o público valora os filmes, coa intencionalidade de que, ao remate do festival —o domingo 21 ás 20 horas—, se concedan premios ás curtas que máis gustaron da sección ‘Miñocas’ e ‘Fanecas’: 1.000 euros á mellor de cada categoría.

Deste xeito, tense en conta a ollada crítica da cativada. Con esta participación, ‘PequeFilmes’ ofrécelles aos nenos e nenas vivir a experiencia —e seguro que por primeira vez para moitos— de que o seu criterio sexa valorado, á vez que se fomenta neles unha ollada crítica e curiosa, semente de futuros cinéfilos.

Obradoiros

Xunto ás proxeccións, ‘Pequefilmes’ ofrece durante esta fin de semana diversos obradoiros nos que pesa por igual a súa vertente formativa como a de lecer. Deste xeito, os máis novos (nenos de entre 4 e 8 anos) experimentan coa animación en stop-motion con obxectos e crear unha banda sonora para unha película. Pola súa banda, os de máis de 8 anos realizan unha pequena curtametraxe animada a partir do uso dunha mesa de luz virtual.