A obra de José Suárez en Nova Delhi

Santiago de Compostela, 12 de Outubro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia exhibe no Instituto Cervantes de Nova Delhi a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, mostra sobre a obra dun dos referentes da historia da fotografía en Galicia e España na primeira metade do século XX. Tras o seu paso por Madrid, Bos Aires, Montevideo, París e O Xapón, un dos países que máis marcaron a traxectoria profesional e vital de José Suárez, a mostra chega á capital da India.

 Esta exposición, inaugurada na Cidade da Cultura de Galicia en 2015,  é a maior realizada ata o momento sobre un dos grandes nomes da fotografía española do século XX, o galego José Suárez (1902-1974), artista innovador que incorporou os movementos de vangarda europeos, intelectual amigo de destacados escritores --Unamuno, Alberti, Ayala ou Bergamín- e creador comprometido que viviu no exilio durante máis de dúas décadas. 

 ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ chega a Nova Delhi grazas á colaboración da Cidade da Cultura co Instituto Cervantes, que xa acolleu a mostra nas súas sedes de Madrid, París e Toquio, cidades todas fundamentais na traxectoria vital do fotógrafo galego. Con este plan de itinerancia, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo restituír a obra de José Suárez, quizáis o fotógrafo galego máis universal, ao lugar que lle corresponde na historia da arte.

 

CONFERENCIA INAUGURAL E ACTUACIÓN DUN GRUPO GALEGO

Á inauguración da mostra, na tardiña de onte, no Instituto Cervantes de Nova Delhi asistiron Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, comisarios da mesma e dous nomes de referencia no estudo da fotografía galega. Eles foron os encargados da conferencia inaugural, á que lle seguiu a actuación do grupo galego ‘Fetén-Fetén’ que percorreu o espazo da mostra musicando diversas obras do fotógrafo da Allariz, segundo o que cada unha lle inspiraba.

Na capital da India exhíbense un total de 135 fotografías -ordenadas en varias series- así como máis dun centenar de documentos e publicacións. Nas vitrinas poden verse libros e revistas onde apareceron as súas fotos, recensións, escritos, etc. que permiten contextualizar as fotografías e mostrar algunhas das que non se conserva nin copia nin negativo (como é o caso das publicadas no artigo Mariñeiros da revista Cinegraf). A exposición complétase con varias montaxes audiovisuais (en pantallas de plasma e tabletas) e unha serie de retratos de intelectuais e artistas aos que coñeceu ao longo da súa vida.

TRES ETAPAS VITAIS

 Todo iso organízase cronoloxicamente seguindo as súas tres etapas vitais. A primeira, titulada Anos 30, desenvólvese entre 1930 e 1936 e contén tres seccións: Por terras de Salamanca (onde estuda Dereito, adquire unha sólida formación e relaciónase con destacadísimos intelectuais como Unamuno ou Bergamín); Galicia anos 30; e Mariñeiros. Nesa época realiza series etnográficas sobre a sociedade campesiña galega e o mundo da mar, moi recoñecidas e que chegaron a expoñerse en Madrid ou París.

 A segunda etapa, Exilio, arrinca en 1936, cando abandona España debido á Guerra Civil. Instálase primeiro en Arxentina e despois en Punta do Leste (Uruguai); viaxa por toda Hispanoamérica (tamén polo Brasil) e mesmo vive dous anos no Xapón (1953-1954) en busca dunha nova espiritualidade. Froito desta etapa son as seccións Neve na Cordilleira (Os Andes), América do Sur e O Xapón.

A terceira e última etapa, Retorno, comeza en 1959, cando regresa a España. Fotografía La Mancha, onde chegou a dicir que foi na procura do Quixote pero só atopou “Sancho Panzas” e achou a mesma miseria que deixara ao abandonar España; realiza a súa segunda viaxe ao Xapón (onde coñece a Akira Kurosawa) e viaxa por toda Europa como correspondente do xornal arxentino La Prensa. Esa traxectoria reflíctese nas seccións La Mancha: a ruta do Quixote, Touros, Glyndebourne (Gran Bretaña), Mediterráneo e Galicia anos 60. O regreso a España trunca o recoñecemento internacional e lévao practicamente ao esquecemento. En 1967 instálase en Ourense e deixa de facer de facer fotografías. Morre na Guarda (Pontevedra) en 1974.

EXPOSICIÓN ATA O 10 DE DECEMBRO

A exposición, que estará no Instituto Cervantes de Nova Delhi ata o 10 de decembro, deixa constancia das relacións e a amizade que José Suárez mantivo con artistas e escritores da época. Algúns dos seus traballos máis populares foron retratos de grandes autores, entre eles Miguel de Unamuno, Rafael Alberti, Ramón Pérez de Ayala, Alejandro Casarón ou José Bergamín. Foi este último quen, referíndose ás fotografías, escribiu: "Cando detrás do espello da cámara escura hai uns ollos vivos que pensan", expresión da que se extrae o título da mostra.

A través da Revista de Occidente entrou en contacto coas vangardas artísticas europeas. Delas extraeu unha innovadora linguaxe fotográfica e uns recursos formais que imprimen ao seu traballo un claro carácter de autor do que carecen os fotógrafos profesionais contemporáneos, máis inclinados a unha visión costumista da sociedade. Nos medios intelectuais nos que se move, a súa obra ten consideración artística e de autor singular. José Suárez aborda a realidade desde un punto de vista documental nada habitual na época, de aí o recoñecemento do seu carácter innovador e vangardista como fotógrafo.