O Gaiás festexa o Día das Artes Galegas con obradoiros familiares sobre Alejandro de la Sota

Santiago de Compostela, 23 de Marzo de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Artes Galegas (1 de abril) organizando obradoiros familiares para o sábado día 7 ao redor do arquitecto galego Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996), a quen se homenaxea na efeméride deste ano.

Alejandro de la Sota é unha da personalidades galegas más influentes do século XX. Trátase dunha das figuras máis recoñecidas do Movemento Moderno en Galicia e un dos máis notables arquitectos españois da segunda metade do século pasado. Foi Premio Nacional de Arquitectura ata en catro ocasións; Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes; Medalla de Ouro de Arquitectura: e finalista dos Premios Príncipe de Asturias de Belas Artes. Asemade, os seus deseños —dos que tivemos unha importante mostra  na exposición Da árbore á cadeira, organizada no Museo Centro Gaiás— cambiou o xeito de entender os espazos habitables.

A Cidade da Cultura de Galicia participa do programa de actividades que, polo Día das Artes Galegas 2018 se celebran para recoñecer a súa importante pegada, con dous obradoiros sobre a súa figura e as súas creacións. Deste xeito, procura que grandes e pequenos da casa coñezan, dunha forma creativa e artística, non só a importancia de Alejandro de la Sota no Movemento Moderno, senón tamén a ruptura arquitectónica que supuxeron os seus proxectos.

Dous obradoiros

As actividades conmemorativas centraranse nun obradoiro de mañá, ás 12.30 horas, dirixido a nenas e nenos de 8 a 12 anos; e outro pola tarde, a partir das 17.30 horas, para cativada de 6 anos en diante, e tamén aberto aos adultos, no que poder achegarse en familia á figura e á arquitectura de Alejandro de la Sota.  

O obradoiro de mañá terá como protagonista á experimentación con formas, materias e volumes do repertorio plástico e visual do arquitecto pontevedrés. No taller da tarde, aberto tamén ao público adulto, os participantes construirán dun xeito colaborativo unha maqueta arquitectónica co obxecto de achegarse ao Movemento Moderno e entender a súa importancia como punto de inflexión na arquitectura.

As entradas para os dous obradoiros están xa á venda no Museo Centro Gaiás e nos puntos físicos e online de Ataquilla e cóntase con máis información polo miúdo en cidadedacultura.gal.