O Gaiás amosa o talento do alumnado de Moda do Mestre Mateo

Santiago de Compostela, 03 de Novembro de 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca a “creatividade e extraordinaria preparación” dos alumnos  e alumnas que participaron na sétima edición de Despunte, o desfile de moda organizado polos alumnos e profesores da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, que se celebrou esta tarde no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

O departamento que dirixe Román Rodríguez expresou os seus parabéns ao alumnado e o profesorado da Mestre Mateo, subliñando a “orixinalidade, execución técnica e atención ao detalle” dos traballos e sinalando que “a calidade das propostas reflicte o nivel de formación dos centros de  moda de Galicia, que seguen a afianzar a súa posición entre os máis prestixiosos de España”.

No desfile, que contou cun enorme éxito de asistencia, presentáronse cen looks, entre os que se atopan a Colección Despunte, integrada polos traballos finais dos doce alumnos que veñen de graduarse. Xunto a eles, deuse a coñecer a Colección Miscelánea, con propostas realizadas por trece estudantes de terceiro curso.

Ao evento, asistiu o director da EASD Mestre Mateo, Santiago Riande, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, quen lembrou que o desfile se celebra no Gaiás desde fai anos co fin de contribuír á proxección dos traballos.

Co obxectivo de converter este evento non só nunha experiencia educativa, senón nunha oportunidade profesional para o alumnado, o desfile contou coa presenza de representantes de medio centenar de empresas do sector da moda, con marcas tan destacadas como Inditex, Adolfo Domínguez, Bimba y Lola, Textil Lonia (Purificación García e Carolina Herrera), o El Corte Inglés entre outras moitas.

Desde a escola, chámase a atención sobre o feito de que a organización do desfile implica a todos os niveis educativos. De feito, os alumnos dos primeiros cursos colaboran na montaxe e teñen a visión global de como se leva a cabo un evento desta natureza. Tamén participan estudantes do Ciclo Superior de Fotografía, do de Imaxe Persoal do CIFP de Someso.

 O xurado deste ano está composto pola deseñadora María Barros, por Ana Salán del Río, do departamento de Recursos Humanos de Inditex, polo xornalista especializado en moda Carlos Roma, por Tania López, deseñadora de Zara Kids e por un representante de El Corte Inglés, empresa que patrocina un dos premios.