O Gaiás acollerá a exposición 'Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación'

Santiago de Compostela, 13 de Decembro de 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, anunciaron esta mañá que o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá do 16 de marzo ao 14 de outubro de 2018 a exposición Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación.

A mostra presentará 194 obras das coleccións de ABANCA e Afundación, unha escolla de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións dos artistas galegos máis relevantes desde o primeiro terzo do século XIX até hoxe, con nomes como Pérez Villaamil, Serafín Avendaño, Sotomayor, Castelao, Maside, Souto, Colmeiro, Laxeiro, Lugrís, Seoane, Maruja Mallo, Jorge Barbi, Manolo Paz, Francisco Leiro, Menchu Lamas ou Antía Moure, entre outros.

No acto de presentación —que contou tamén co director xerente de Afundación, Pedro Otero, e co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo— Román Rodríguez agradeceu a ABANCA e Afundación a súa xenerosidade nunha exposición que describiu como “a máis ambiciosa realizada nos últimos anos sobre arte galega” e na que o público constatará a relevancia de Galicia como “foco artístico durante os últimos douscentos anos”, cunha comunidade de creadores apegados ás raíces, pero conectados cos movementos do panorama internacional.

Miguel Ángel Escotet enmarcou a exposición “no compromiso de ABANCA e Afundación coa cultura galega” e manifestou que a mostra representa “unha oportunidade única para achegar á cidadanía estas coleccións artísticas, as pinacotecas máis importantes de Galicia pola calidade e variedade dos seus fondos”. “As 194 obras que reúne a exposición reflicten con claridade a magnitude da mostra, que exhibirá por vez primeira un amplo e irrepetible mosaico do mellor da arte galega”, subliñou o director xeral de RSC de ABANCA e presidente de Afundación. 

Programa de actividades

A exposición contará cun programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, pero  tamén aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.

O atractivo da exposición virá reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que están a desenvolver un proxecto para realzar o valor singular das pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.

O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudio galego Desoños, representará unha obra de referencia para o coñecemento da arte galega, que permanecerá máis alá da clausura da exposición.

A exposición organiza as obras seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e renovación ou os movementos da nova arte galega.

A través deste discurso, Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación permite comprender como a construción da arte galega e o resulta de dous factores: do compromiso dos artistas coa identidade e, por outro banda, da súa vocación de universalidade, reflectida na ligazón coas tendencia e movementos internacionais.