O Gaiás acolle a maior romaría de corais de Galicia con 800 voces cantando ao unísono

Santiago de Compostela, 14 de Setembro de 2018

A Cidade da Cultura acolleu a tarde de hoxe a XV Romaría Coral galega, o evento máis importante en Galicia deste xénero musical, ao reunir preto de 800 voces na Praza Central do Gaiás, procedentes de 34 agrupacións. Todas elas entoaron de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional, obras de autores clásicos e, como alfinete de ouro, remataron interpretando o Himno galego, acompañados pola Banda Municipal de Música de Santiago.

A este encontro coral asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, quen puxo en valor a “gran tradición” deste certame, que chega xa a súa XV edición, e a importancia do mesmo para “darlle visibilidade a estas agrupacións senlleiras da historia da música e o canto en Galicia”. Do mesmo xeito, salientou que coa co-organización deste encontro, a Xunta de Galicia demostra o seu “compromiso” coas entidades e colectivos que “levan anos traballando na promoción e consolidación do patrimonio musical galego”.

Ao respecto, lembrou a relevancia que estas agrupacións teñen en Galicia para a conservación e transmisión do patrimonio musical galego de xeración a xeración. “Algunhas das agrupacións que van participar nesta romaría contan cunha historia de máis de 50 anos e nelas moitas veces comparten o escenario familias enteiras, desde as netas e os netos ata os avós”, remarcou.

A XV Romaría Coral Galega comezou ao mediodía de hoxe coa asistencia de todos os participantes á misa cantada na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela, interpretada pola Coral Cantorum Compostellana coa colaboración do organista da Catedral de Santiago e de tres membros da agrupación Cantigas e Agarimos.

800 voces interpretando o Himno galego

A actuación na Cidade da Cultura de Galicia comezou ás 18.30 horas coa interpretación de varias cancións populares galegas, como o Velaí vai ou Eu caseime por un ano, así como habaneras, coros de zarzuela, temas do folclore tradicional africano e obras de coñecidos compositores de música clásica, como o coro Va pensiero da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi.

O alfinete de ouro chegou uns 60 minutos máis tarde, cando estas 800 voces interpretaron ao unísono, e coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Himno Galego.

O compromiso do Gaiás coa música de raíz

A XV Romaría Coral Galega rematou coa entrega de diplomas a todos os e as participantes por parte do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; de membros da directiva da Federación Coral Galega, dirixida por Antonio Rey Cornido; e da concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra.

A XV Romaría Coral Galega súmase a outras actividades incluídas na programación do Gaiás deste ano 2018 desde as que se reivindica a riqueza etnográfica e musical de Galicia como  Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular, que o pasado mes de xuño reuniu a todo o sector do folclore galego vencellado ao canto, a música e o baile tradicionais, e tamén ao III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, no que se deron cita medio milleiro de músicos novos das catro provincias galegas.