O Gaiás acolle a derradeira edición do TEDxGalicia

Santiago de Compostela, 02 de Decembro de 2017

A Cidade da Cultura acolle hoxe a derradeira edición do TEDxGalicia, evento que se despide tras oitos anos nos que estas charlas se consolidaron como unha cita de referencia da divulgación, acreditando a súa capacidade para encher auditorios cun público curioso, inquedo e interesado en escoitar “ideas que paga a pena ser difundidas”, como reza o lema deste proxecto.

Esta derradeira convocatoria, a terceira que se celebra no Gaiás no marco da súa programación de apoio ao emprendemento, preséntase baixo o lema ‘Ultreia’, o saúdo clásico dos peregrinos no Camiño de Santiago, expresión interpretada metaforicamente como “unha invitación a dar un paso adiante e transcender as interpretacións máis evidentes da realidade”, segundo os organizadores.

Ao longo deste sábado, 22 relatores comparten ideas creativas sobre cuestións tan diversas como a ciencia, o ilusionismo, o mundo do viño, o arte de contar historias, as tendencias socias, a música infantil ou o xornalismo; charlas todas presentadas baixo o recoñecido ‘formato TED’, cunha duración máxima de 18 minutos e caracterizadas pola capacidade para trasladar mensaxes que inspiren cambios na audiencia.

Esta convocatoria obtivo de nova unha acollida excepcional por parte do público, con todas as entradas esgotadas desde fai semanas. Os preto de cincocentos asistentes están a gozar dunha edición na que, na quenda da mañá, participaron, entre outros, a cantante Uxía Senlle, presentando o proxecto de música infantil ‘María Fumaça’, o gaiteiro Anxo Lorenzo, descubrindo ao público as posibilidades da gaita en estilos musicais menos tradicionais, o biólogo Xurxo Mariño, relatando a súa experiencia na descuberta de extraordinarios patróns científicos na súa volta ao mundo.

Cosméticos galegos

Xunto a eles, o público escoitou a Marta Álvarez, responsable da cooperativa Muuhlloa, que elabora produtos de cosmética cen por cen galegos realizados a partir de leite ecolóxico, a investigadora e divulgadora Deborah García, autora do libro ‘Todo é cuestión de química’ e coordinadora das xornadas de ciencia, tecnoloxía e arte no Museo Guggenheim de Bilbao, a viticultora Silvia Prieto, o filólogo Nel Vidal, o fotógrafo Xaime Cortizo ou o xeógrafo e o arquitecto Francisco García e Manuel Bugallo.

As charlas continuarán esta tarde, co participación do ilusionista Pedro Volta, da contacontos Sole Felloza, da xornalista Raquel Rosa, do experto en redes socias, Javier Varela, da especialista en tendencias socias, Silvia Fraga, da empresaria Tatiana López, conselleira delegada de Nanogap, ou da cantante Marina Gundín.

Como é habitual, todas as charlas TEDxGalicia estarán dispoñibles nos próximos días na súa canle de Youtube, contribuíndo a través das redes sociais a multiplicar a difusión destas ideas.

Compartir ideas

O TEDxGalicia segue o modelo do TED, organización de alcance global, non lucrativa dedicada á difusión de ideas en forma de charlas curtas e nas que teñen participado oradores tan populares como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck ou Bono.

TED comezou en 1984 como unha conferencia na que converxeron Tecnoloxía, Entretemento e Deseño e hoxe en día abarca case todos os temas –desde a ciencia aos negocios ou os problemas globais- en máis de cen idiomas. De forma paralela ás conferencias TED, en todo  mundo teñen lugar os eventos TEDx co obxectivo de poder compartir estas ideas en todo o mundo. 

Fotos: César Arxina