O EAN7 volve promover na Cidade da Cultura a creación contemporánea

Santiago de Compostela, 28 de Agosto de 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, deu esta mañá a benvida aos 40 seleccionados para participar no VII Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia (EAN_VII), todos eles creadores emerxentes chegados ao Gaiás desde diferentes puntos de Galicia, do resto do España e tamén de América Latina, grazas a unha colaboración co Goberno de Arxentina, que ofertou unha bolsa a tres deles.

Román Rodríguez destacou que o EAN se vén celebrando na Cidade da Cultura desde o 2011 e que, ao longo destas sete edicións, foron máis de 600 os artistas novos que teñen participado. Do mesmo xeito, lembrou que estes encontros, onde creadores emerxentes comparten experiencias con artistas consolidados, se ten revelado como unha fórmula de éxito, de tal xeito que o EAN foi exportado a América Latina, con edicións en Montevideo (Uruguai), Córdoba (Arxentina) e noutras cidades de España, como Segovia.

Xunto ao conselleiro, Rafael Doctor, director de todas as edicións celebradas ata hoxe, asegurou que este evento se ten consolidado como unha cita de referencia no mapa da arte contemporánea en España, lembrando a participación de nomes tan relevantes como Pierre Gonord, José Manuel Ballester, Menchu Lamas, Cristina Lucas, Din Matamoro, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar.

Artistas convidados

O conselleiro loou a calidade desta edición, coa participación de artistas como os galegos Berta Álvarez Cáccamo e Xosé Artiaga e da sevillana María Cañas. Ademais, subliñou que os participantes terán a oportunidade non só de coñecer a Cidade da Cultura, senón outros centros artísticos en Galicia, como a Fundación Eugenio Granell, o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) ou o Museo de Arte Contemporáneo (MAC) de Coruña.

Desde hoxe ata o xoves, estes 40 artistas seleccionados, dos que 15 son galegos, 22 do resto de España e 3 de Arxentina, terán ocasión de intercambiar experiencias, de coñecer de preto o traballo de artistas consolidados e de presentar os seus proxectos artísticos.

Todos os participantes poderán participar no Certame de Intervencións Artísticas das Torres Hejduk, convocatoria na que, a modo de desafío creativo, se lles convida a presentar un proxecto para este espazo singular. De feito, o EAN rematará coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2016, un traballo que leva por título A través dun horizonte sen corpo de Fredy Solano, artista salvadoreño afincado en Vigo.

A sétima edición do EAN conta coa colaboración da Deputación da Coruña.