O Arquivo de Galicia recibe o legado artístico de Germán Lago

Santiago de Compostela, 03 de Novembro de 2017

O Arquivo de Galicia recibiu hoxe o legado artístico e intelectual do músico galego Germán Lago (Vigo, 1883 – Madrid, 1967), que chega á súa terra natal cando se cumpren 50 anos do seu pasamento.

Correspondencia, fotografías, álbums con anotacións e recortes de prensa, cadernos de partituras, programas de concertos, a colección completa de partituras editadas por Germán Lago baixo o título “Rondalla” (formada por 190 pezas) e diversa documentación administrativa sobre a Orquesta Ibérica de Madrid, da que foi fundador, son algúns dos materiais –a maioría deles inéditos– que conforman este fondo, doado polos músicos Antonio Navarro e Esther Casado. Ambos os artistas son os actuais integrantes, xunto con Luis Miguel Lara e Pilar Barón, do Cuarteto Aguilar, unha formación de laúdes fundada en 1923 da que Lago foi mentor.

O legado de Germán Lago foi recepcionado esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nun acto que contou coa participación dos doadores do fondo, da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do guitarrista e investigador Samuel Diz e das subdirectoras xerais de Arquivos e de Bibliotecas, Marina García Pita e Cristina Rubal, respectivamente.

Avanzar no estudo do patrimonio musical

Durante a recepción, o secretario xeral salientou o valor do fondo e o interese do material para avanzar no estudo do patrimonio musical galego a través dunha figura singular da historia da música da primeira metade do século XX, que polo de agora non foi o suficientemente analizada con rigor nin difundida. Para recuperar e poñer en valor a obra e a figura de Germán Lago, Navarro e Casado están a traballar actualmente, xunto con Samuel Diz, nun estudo biográfico do músico vigués, cuxa publicación está prevista para o ano 2019.

Ademais, para lle render homenaxe ao músico vigués, ás portas de se cumpriren 50 anos do seu falecemento –o vindeiro mes de decembro–, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acollerá mañá sábado, ás 12:00 horas, un relatorio-concerto a cargo de Samuel Diz e do Cuarteto Aguilar.

Concerto de homenaxe no Gaiás

A homenaxe musical no Auditorio Neira Vilas iniciarase con  tres pezas inéditas, “Cantigas” e “Danza Galaica”, que o compostelán Luís Taibo (1877-1954) escribiu para o Cuarteto Aguilar e das que non hai constancia de que fosen interpretadas ata este momento. Xunto coas obras “Tango” (Danza Andaluza nº2 op.8) de Joaquín Turina (1882-1949) e “Granada” de Isaac Albéniz (1860- 1909), tamén soarán no concertos as pezas “La copla intrusa” de María Rodrigo (1888-1967), unha das compositoras máis destacadas da Xeración do 27.

Para rematar, Samuel Diz ofrecerá xunto ao Cuarteto Aguilar unha interpretación actualizada do pasadobre “Verónicas y faroles” de Germán Lago, unha obra que foi publicada e incluída en numerosos concertos dirixidos polo músico protagonista desta homenaxe.

A entrada para asistir á charla-concerto na Biblioteca de Galicia é de balde, mais é necesaria a inscrición previa na web da Cidade da Cultura de Galicia, a través da páxina www.cidadedacultura.gal

Germán Lago e a Orquesta Ibérica

Fundador e director de diferentes agrupacións musicais de pulso e púa, Germán Lago Durán (Vigo, 1883 – Madrid, 1967) presentou en Madrid en 1929 a Orquesta Ibérica, formación de bandurras, laúdes e guitarras que contou desde os seus comezos coa favorable atención dos críticos e compositores da Xeración do 27 e numerosos contratos discográficos.

A Orquesta Ibérica de Madrid, segundo salienta Samuel Diz, mantivo un estreito vínculo coa nova creación musical, inteprentando obras e arranxos de compositores como Adolfo Salazar, Ernesto Halffter, Manuel de Falla, Joaquín Turina, Emilio Lehmberg ou o galego residente na capital Juan José Mantecón.

O guitarrista tudense tamén recorda que a presenza de Galicia na Orquesta Ibérica de Madrid foi continua no seu repertorio, interpretando con éxito adaptacións das Baladas Galegas de Xoán Montes ou páxinas das zarzuelas de Reveriano Soutullo, xunto ás composicións do propio Germán Lago –de continuo aire galego– publicadas na colección Rondalla. Agora, transcorrido medio século da morte de Germán Lago, os materiais conservados no fondo Antonio Navarro-Esther Casado permiten coñecer de primeira man a traxectoria e repertorio das formacións musicais fundadas polos músico vigués na capital do Estado español: Orquesta Mandolinista Española, Orquesta de instrumentos españoles del Centro de Hijos de Madrid e a Orquesta Ibérica de Madrid nas súas diferenciadas épocas.

Cuarteto Aguilar

Pola súa banda, os inicios do Cuarteto Aguilar remóntanse a 1923, momento no que os fillos do doutor Francisco Aguilar, baixo os consellos de Germán Lago, formaron este cuarteto de laúdes que percorreu desde os seus comezos importantes salas de Europa e de América. Actualmente, a formación está composta por Antonio Navarro, Esther Casado, Luis Miguel Lara e Pilar Barón.