Nexos analizou sen clixés as encrucilladas árabe e musulmá

Santiago de Compostela, 14 de Abril de 2018

A mesta herdanza da cultura árabe e musulmá, o seu contexto xeopolítico e aos seus conflitos sociais actuais foron analizados polo miúdo este sábado, día 14, nunha nova sesión de Nexos, unha análise que buscou afastarse dos clixés e tópicos, da man da socióloga Gema Martín Muñoz, directora da Casa Árabe durante seis anos.

O relatorio de Gema Martín Muñoz en Encrucilladas no mundo árabe e musulmán procurou enfrontarse a esta análise desde unha perspectiva aberta e que transcendese os lindes da ollada occidental, desde os coñecementos e experiencia que lle ten conferido o seu labor como profesora de Socioloxía do Mundo Árabe e Islámico da Universidade Autónoma de Madrid e como mestra visitante na Universidade de Harvard. Ademais ten sido colaboradora da Universidade da Sorbona; e columnista no diario El País durante dúas décadas.

O seu coñecemento profuso sobre o mundo árabe e musulmán tamén vén corroborado polas súas publicacións, entre as que se atopan Irak, un fracaso de occidente (1920-2003) (Tusquets Editores, 2003) e El mundo árabe en busca de la excelencia democrática (Universitat de València, 2012).

Con esta sesión de Nexos pretendeuse rachar con certos tópicos e inexactitudes como confundir árabe con musulmán —o 80% dos musulmáns non falan árabe—, ou islámico con islamista. Neste mesma liña de derrubar clixés afondouse no pluralismo do islamismo, que non é unha realidade única ou monolítica, xa que entre os seus afíns cohabitan visións moi dispares e enfrontadas.

Ante este tipo de clixés, Gema Martín Muñoz participou nesta xornada na Cidade da Cultura para ofrecer perspectivas e olladas que axuden a desvelar cales son os temas prioritarios para esas sociedades, cales son os intereses enconflito, que demandan os seus movementos sociais e descubrir cales son as súas verdadeiras preocupacións e se coinciden coas marcadas por Occidente: a ameazaterrorista, o rol da muller, a saúdedemocrática ou o subministro enerxético.

Espectáculo sonoro e visual de Nenoescuro

A intervención de Gema Martín Muñoz rematou, como vén a ser habitual nas sesións de Nexos, cunha actuación artística. Neste caso contouse co espectáculo sonoro e visual inspirado na poesía de tradición sufí, a cargo do artista multidisciplinar Nenoescuro. Coa colaboración de Yasmina Farhani, mergullou os e as participantes pola tradición sufí desde unha lectura contemporánea.

De igual xeito, contouse cunha sesión de Nexos Infantil paralela para que os máis pequenos e pequenas da casa afondasen nas mesmas cuestións que na sesión para os adultos, pero dun xeito plástico e creativo adaptado as súas idades, entre 5 e 12 anos.

Deste modo, neste obradoiro a cativada puxo en común todo o que saben ou cren coñecer do mundo árabe e a súa cultura co obxecto de desmontar prexuízos a través da descuberta polo miúdo —e dun xeito divertido e didáctico— da súa música, da súa gastronomía e dos seu patrimonio.

 O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional. Puxo punto e final á  sesión de Nexos dese sábado o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

A renovación da música portuguesa

A vindeira cita con Nexos será o 16 de xuño sobre A renovación da música portuguesa cunha entrevista a Teresa Salgueiro, a vocalista de Madredeus durante vinte anos, e contarase cunha actuación musical sorpresa, xa que se trata da derradeira sesión desta edición. As entradas xa están á venda, tamén para a súa correspondente actividade de Nexos Infantil.