Nexos analizou o estado actual do patrimonio e os retos aos que se enfronta

Nexos analizou o estado actual do patrimonio e os retos aos que se enfronta (Foto: Manuel G. Vicente)
Santiago de Compostela, 24 de Marzo de 2018

O estado actual do patrimonio galego, os problemas que o ameazan e os incentivos que en materia de conservación e coidado se están a rexistrar —como a crecente sensibilidade social— foron abordados na Cidade da Cultura de Galicia, polo reputado investigador científico Felipe Criado-Boado na sesión de Nexos deste sábado que levaba por título Confín dos verdes castros... O patrimonio e a identidade de nós.

Felipe Criado-Boado é unha figura relevante no ámbito do patrimonio, xa que é mestre de investigación do Centro Superior de Investigación Científica (CSIC) e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio. Ademais,  é presidente da Asociación Europea de Arqueólogos e membro de diferentes comités e comisións científicas internacionais en Universidades da Arxentina, Chile, Uruguai, Venezuela, Colombia, Suecia, Gran Bretaña, Noruega, Bélxica ou India.

Este experto afondou e analizou cuestións actuais que lle afectan ao patrimonio, sobre todo incidiu nos problemas que o están a ameazar como a construción indiscriminada; a expansión forestal; o espolio de obxectos a mans de tramas organizadas... Por outra parte, analizáronse os efectos que se están a rexistrar co maior esforzo en educación e divulgación, á hora de acadar unha maior implicación cidadá e un mellor aproveitamento turístico. E non faltou nesta sesión unha mención destacada ao auxe no activismo asociativo que evidencia unha crecente sensibilidade social na materia.

Intervención artística de Carlos Meixide
A intervención de Felipe Criado-Boado rematou, como vén a ser habitual nas sesión de Nexos, cunha actuación artística. Neste caso, o multidisciplinar Carlos Meixide empregou os bens patrimoniais do país a xeito de materia prima para a súa abraiante exhibición de xogos circenses, puramente intelectuais, nun delirante monólogo cómico que non deixou indiferente. Este espectáculo O fracaso do meu patrimonio está creado ex profeso para o ciclo Nexos.

De igual xeito, contouse cunha sesión de Nexos Infantil paralela para que os máis pequenos e pequenas da casa afondasen nas mesmas cuestións que na sesión para os adultos, pero dun xeito plástico e creativo adaptado as súas idades, entre 5 e 12 anos.

Deste modo, neste obradoiro a cativada fixo unha viaxe virtual por Galicia para coñecer os valores patrimoniais e naturais máis senlleiros, desde a catedral de Santiago, pasando pola muralla de Lugo, a Torre de Hércules ou a ponte romana de Ourense, ata as rías e parques naturais, achegándose ás épocas da súa construción no caso dos monumentos.

Despois, a rapazada escolleu o seu elemento preferido para realizar unha persoal recreación plástica do mesmo, ben debuxada ou ben en maqueta, a partir de materiais reutilizados (caixas de cartón, botellas de plástico, etc.), que logo se colocaron nunha exposición nun particular mapa simbólico de Galicia. 

O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional.Puxo punto e final á  sesión de Nexos deste sábado o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

Encrucilladas do mundo árabe
A vindeira cita con Nexos será o 14 de abril sobre as Encrucilladas do mundo árabe, na que intervirá a socióloga Gema Martín Muñoz, e cuxas entradas, coa sesión de Nexos Infantil correspondente, están á venda tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e na páxina da cidadedacultura.gal cóntase con máis información polo miúdo de todo o ciclo.