Inaugurada 'Castelao maxistral', exposición que exhibe por vez primeira vez en Galicia 'A derradeira leición do mestre'

Santiago de Compostela, 05 de Outubro de 2018

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a todos os galegos a visitar Castelao Maxistral, unha mostra, dixo, que marcará un fito nas exposicións do Gaiás coa súa obra intemporal e universal, “algo que soamente sucede cos grandes xenios capaces de interpretar o fondo da alma humana”. “A súa obra nin pasa de moda, nin pertence soamente á nosa cultura. Velaquí unha demostración”, aseverou, durante o acto de inauguración.

Ao longo da visita á exposición, Feijóo aseverou que, ademais de gozar do que se ten denominado o Guernica galego, A derradeira leición do mestre, e ter unha visión panorámica do ensino entre os comezos do século XX e o ano 1936, “os máis vellos sentirán os ecos daquela barbarie, e os máis novos preguntaranse asombrados se realmente foi aquí en Galicia onde sucedeu o que relata este cadro conmovedor”, dixo, en alusión a escenas semellantes e asasinatos atroces como o de Alexandre Bóveda que se produciron noutros lugares de Galicia e de España onde o odio, o rancor e o instinto criminal se apoderaron da realidade baixo diferentes bandeiras.

Así mesmo, salientou que dentro de A derradeira leición do mestre hai outra que é a capacidade dos pobos coma o galego para desterrar esa maldición e emprender un camiño xuntos. E, incidiu na necesidade de transmitir aos mozos que acudan a esta mostra unha reflexión que se inspira nesta obra mestra de Castelao: “A liberdade, a convivencia, a tolerancia, son valores que non se protexen sos”, recordou, facendo fincapé en que se non se coidan ou se se pensa que son algo superfluo, “poden esmorecer e aparecer de novo as forzas escuras”.

O presidente da Xunta recalcou que este cadro podería representar escenas que se producen en territorios onde os dereitos humanos e a convivencia soamente forman parte dos soños. “Os verdugos de Alexandre Bóveda gardan parentesco cos de hoxe. As ideoloxías totalitarias que movían as súas mans están presentes no mundo actual baixo diferentes etiquetas”, afirmou, recordando que A derradeira leición do mestre de Castelao, o Guernica de Picasso, os Fusilamentos do tres de maio de Goya, o Cain e Abel de Tintoretto, expoñen a faciana máis escura da humanidade.

Para loitar contra esta ameaza, Feijóo subliñou que parte da resposta atópase tamén na mostra Castelao Maxistral, ao tratarse dun recordatorio do papel da educación no fomento da convivencia. Un papel do que -como recordou o titular da Xunta- sabían os emigrantes, que formaron un sinfín de sociedades de instrución e sementaron o seu país natal con escolas de indianos, nas que estivo “o xermolo da Galicia da convivencia que hoxe temos”. “A boa obra que somos, honra aos mestres que se ocupan e preocupan de abrir as fiestras do entendemento para facer dos nenos persoas libres e tolerantes”, abundou.

Nesta mesma liña, precisou que outras resposta fronte aos perigos sempre latentes contra a democracia é a propia vida de Alexandre Bóveda. “Quixeron matar a un galeguista que nunca compartiu o totalitarismo dos seus verdugos, como se demostra nese Estatuto de Autonomía do que foi un dos grandes artífices. Aquela Constitución galega contou coa achega e o alento de galegos de diferentes tendencias que viron no autogoberno un punto de encontro”, expresou, remarcando que o autonomismo, o federalismo de Castelao e Bóveda non se concibe para unha parte do pobo galego, senón para a galeguidade no seu conxunto e na súa pluralidade.

Logo de avogar por unha memoria inclusiva e non excluínte que evite trasladar ao presente querelas que xa foron superadas pola nosa sociedade, Feijóo concluíu a súa intervención dando as grazas a todos os que fixeron posible a visita a Galicia do cadro A derradeira leición do mestre: “Grazas á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura e, moi especialmente, á Fundación Castelao e á Fundación Alexandre Bóveda. E grazas, por suposto, ao Centro Galicia de Bos Aires, socios na Fundación Galicia América. Pola súa colaboración para que isto sexa posible”.