A exposición ‘COGAMI: Pezas e trazos’ amosa no Gaiás que non hai barreiras para a creación artística

Santiago de Compostela, 05 de Novembro de 2018

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, inauguraron esta mañá na Sala Eisenman da Cidade da Cultura a exposición COGAMI: Pezas e trazos, unha mostra que ofrece unha escolma dos traballos levados a cabo por parte de 244 persoas con discapacidade física e/ou intelectual, realizados en centros e asociacións de diferentes zonas de Galicia no marco do programa EnREDarte. A mostra inclúe un total de 32 obras –20 pinturas, 11 fotografías e unha creación literaria– e está comisariada por Catuxa Pereira.

“A arte e a cultura serán útiles se favorecen a igualdade e a tolerancia; se promoven o desenvolvemento persoal e a autoestima”, defendeu Román Rodríguez na súa intervención, na que incidiu en que con proxectos como EnREDarte búscase promover “unha cultura accesible e inclusiva.” Accesible e próxima para que todas as persoas, con independencia da súa situación social, económica ou social, poidan desfrutar dela. E inclusiva porque non só se busca favorecer o acceso das persoas con discapacidade, senón fomentar a súa participación plena como creadoras.

Pola súa banda, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, destacou que “as persoas participantes viven experiencias culturais que lles permiten desenvolver a curiosidade, a formación do gusto e o sentido estético e crítico”.

A inauguración da exposición contou coa presenza da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo.

Á procura de experiencias positivas

Con esta exposición, enmarcada no programa EnREDarte, COGAMI e a Consellería de Cultura pretenden proporcionar experiencias culturais positivas que permitan desenvolver a curiosidade e o sentido estético e crítico. Deste xeito, Pezas e trazos procura rachar estereotipos e ideas preconcibidas e achega á sociedade a mensaxe de que, cando as persoas contan cos medios adecuados, todas as metas son posibles.

O programa EnREDarte engloba obradoiros de escritura creativa, fotografía, danza, teatro e música. Desde COGAMI, sublíñase que “o resultado destes traballos vai máis alá do lúdico para entrar no terreo artístico” e supón “potenciar habilidades como una vía par adquirir outras, empoderando á propia persoa fronte á sociedade".

A Cidade da Cultura enmarca esta colaboración con COGAMI no obxectivo de promover a cultura como vía de integración social e desenvolvemento persoal e no seu compromiso de abrir o programa de actividades e os espazos da Gaiás a todos os públicos.

A exposición destes traballos poderá visitarse de balde na Sala Eisenman da Cidade da Cultura ata o vindeiro venres, 9 de novembro.