Experiencias educativas innovadoras na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 01 de Decembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia converteuse hoxe nun espazo para presentar proxectos pedagóxicos innovadores que se están a ensaiar con éxito en centros educativos galegos e que representan novas abordaxes didácticas a temas como a diversidade sexual, a igualdade de xénero, a aplicación das tecnoloxías dixitais nas aulas ou a aprendizaxe de idiomas.

Estas experiencias déronse a coñecer no InquEDU, a primeira edición dunha evento en torno á innovación educativa, co-organizada pola Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Galicia Sustentable, e que ten por obxecto visibilizar novos modelos, recursos e ferramentas que se están a probar con éxito en centros da comunidade, ao tempo que se promove un debate que involucra a profesores, alumnos e docentes en torno aos cambios e desafíos na educación.

Nesta xornada, presentáronse tamén os gañadores do concurso ‘ComunicatEDU’, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixido a fomentar a adquisición de habilidades orais entre o alumnado. InquEDU contou coa intervención da científica África González e o músico Roi Casal, como representantes de ‘eduMOTIVA’, unha iniciativa da Xunta dirixida a ofrecer aos centros de ensino experiencias de persoeiros de recoñecido prestixio profesional e relevancia social para favorecer entre o alumnado valores como a motivación, o esforzo, a superación ou a curiosidade.

Pedagoxía terapéutica

A xornada contou coa asistencia de relatores como Laura Fernández, finalista nacional do Premio Proxecta D+I na categoría de docente máis innovador e Premio Acción Maxistral na 2016. Esta docente, especialista en audición e linguaxe e en pedagoxía terapéutica, presentou a charla ‘A ilusión dun cambio’.

A diversidade sexual foi outro dos aspectos sobre os que xirou InquEDU, coa intervención ‘Escola sen armarios’ de Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas) e co-redactora do Protocolo Educativo sobre identidade de xénero aprobado pola Consellería de Educación.

O aproveitamento das tecnoloxías dixitais foi analizada por Juan Sanmartín, profesor de secundaria e editor de The Flipped Classroom, proxecto baseado no concepto de ‘dándolle a volta a clase’, con que se describen a posta por un modelo educativo baseado en empregar o tempo fóra da clase para os proceso de aprendizaxe e as horas de clase para a participación activa.

Igualdade de xénero

Co título ‘Educación para o cambio’, a reflexión sobre a co-educación e cuestión de xénero nas aulas correu a cargo de Lola Ferreiro, mentres que Séchu Sande presentou e experiencia de Escolas de Ensino Galego Semente, como un proxecto de inmersión lingüística autoxestionado.

Tamén no eido dos idiomas, Mark Wiersma deu a coñecer a ópera pop futurista ‘Sira e o robot’, un libro dvd que representa un achegamento lúdico e didáctico ao inglés de interese para escolares, pero tamén para persoas adultas.

A xornada completouse tamén coa instalación ‘Somos paisaxe’, un proxecto impulsada en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para concienciar da diversidade natural da comunidade. Ademais, o programa ofreceu o ‘show didáctico’ de Vicento Mohedano, do proxecto Peripaciencia.