Escenas do Cambio 2018 programará 13 espectáculos de cinco países

Santiago de Compostela, 23 de Novembro de 2017

O Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción Escenas do Cambio regresará de novo en febreiro de 2018 –entre os días 1 e 10– con 13 espectáculos de compañías procedentes de cinco países (España, Portugal, Marrocos, Siria, Francia e Italia), nunha cuarta edición na que o teatro galego continuará a ter unha presenza destacada con Estela Lloves, Félix Fernández, IlMaquinario e, de novo, Voadora, que presentará neste certame a estrea en España de ‘Garage’.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou hoxe o festival acompañado da directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Rebordo; o director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra: o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil:  a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; membros do equipo artístico de Voadora; e o xerente da planta de Trameve de despeces e repostos automobilísticos, Luis Penido.
 
Precisamente, a presentación tivo lugar neste taller, situado no Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, como xesto cómplice coa montaxe de Voadora, na que se aborda o papel da muller no mundo da industria do motor e que, en coprodución con MA Scène Nationale - Pays de Montbéliard, foi representada por primeira vez este ano en Francia. Na súa estrea en España para este festival as protagonistas serán traballadoras de PSA Peugeot Citroën de Vigo.
 
O secretario xeral de Cultura valorou que compañías e artistas de prestixio que xa estiveron presentes noutras edicións do festival como –Voadora, Tiago Rodrigues ou Israel Galván– volvan á deste ano. E tamén destacou a colaboración coas institucións como o INAEM, o Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Agadic, o Instituto Français, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Camões - Instituto da Cooperação e da Língua.
 
Na liña esgrimida polo secretario xeral de Cultura, o director artístico de Escenas do Cambio incidiu en que dar “continuidade” aos artistas é “unha das premisas” do festival. No entanto, tamén salientou que o certame continúa interesado en descubrir para Galicia e para o resto do estado, artistas internacionais consolidados “que non tiveron moitas oportunidades de amosar o  seu traballo no noso país.
 
Neste senso, apuntou que Escenas do Cambio segue a traballar con artistas de Galicia como Estela Lloves ou Félix Fernández, “creadores transdisciplinares que nos últimos anos amosaron o seu traballo máis no estranxeiro que en Galicia”. Ao mesmo tempo, quixo remarcar o labor formativo do festival cos obradoiros da compañía galega IlMaquinario e dos artistas portugueses Sofia Dias e Vitor Roriz.

Maior presenza da danza e da arte en movemento

Nesta cuarta edición a danza e a arte en movemento, sempre cun papel destacado no certame, eríxense cun especial papel protagonista non só pola cantidade, senón pola calidade. Será unha proposta, inscrita nestas disciplinas, ‘Antonio y Cleopatra’, do prestixioso escritor e director do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Tiago Rodrigues, a que abra Escenas do Cambio o 1 de febreiro, tras presentarse en inglés, francés e portugués en teatros de todo o mundo.

Nesta mesma corrente artística inscríbense as propostas de Israel Galván, Mohamed El Khatib, Miguel Pereira, Estela Lloves, Xavier Le Roy e Mithkal Alzghair que irán alternándose no programa coas propostas escénicas de Edurne Rubio e Daria Deflorian & Antonio Tagliarini; as musicais de Mursego e Maria Arnal & Marcel Bagés ; e a performance feita ex profeso para Escenas de Cambio de Félix Rodríguez.

O director artístico do festival erixe a disidencia como a “esencia” común de todas as creacións presentes neste Escenas do Cambio 2018. Así, inscribe na “disidencia” a forma de entender a morte de Mohamed El Khatib; a explicación da brutal guerra de Siria de Mithkal Alzghair ; a ensinanza de pensar desde o corpo de Xavier Le Roy; o feito de bailar nunha biblioteca de Israel Galván; e no traballo desde Bruxelas, a partir dunha experiencia familiar “única e abraiante” de Edurne Rubio.

Do mesmo xeito, Pablo Fidalgo inxire na disidencia o “berro, pranto e canto dun pobo enteiro” que emerxen nas letras dos cataláns Maria Arnal e Mursego; e tamén a “resistencia e subversión” dos traballos de Deflorian, Tagliarini e Miguel Pereira.

Máis aló do Gaiás

Escenas do Cambio continúa a liña aberta na anterior edición e volve estenderse e máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais, teatros e salas da capital de Galicia.

Deste xeito, ademais de no Museo Gaiás e da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, o espectáculos de Escenas do Cambio terán como escenarios o Teatro Principal, no caso de ‘ Light years away ‘ de Edurne Rubio; o Salón Teatro, para a estrea de ‘Garage’ de Voadora; o CGAC acollerá o concerto de Mursego; mentres que ‘Miguel meets Karima’, de Miguel Pereira, representarase na Sala Agustín Magán, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

As entradas de Escenas do Cambio 2018 estarán á venda a partir do 1 de decembro en www.escenasdocambio.org. De igual xeito, a partir desa data e na mesma páxina web xa se poderá consultar todo o contido do festival polo miúdo.

En www.escenasdocambio.org tamén se facilitará información para as inscricións do obradoiro impartido polos portugueses Sofia Dias e Vitor Roriz, que compartirán algunhas ferramentas de investigación e improvisación que se producen nos seus procesos creativos como coreógrafos e que está aberto a calquera persoa interesada na interpretación con ganas de experimentar en novas técnicas.

Do mesmo xeito, será nesta páxina web onde se dan a coñecer os trámites para inscribirse en #Fogar, o espazo de encontro sobre teatro bibliográfico que impartirán os días 2, 3, 4, 8, 9 e 10 de febreiro Melania Cruz e Tito Asorey, de IlMaquinario Teatro. Esta actividade está dirixida a persoas vencelladas coa creación escénica (intérpretes, músicos, performers, directores, dramaturgos...).

Fotos: Manuel G. Vicente