As entradas para o concerto que Björk ofrecerá o 22 de xuño na Cidade da Cultura poden adquirirse a partir do 26 de marzo

Santiago de Compostela, 17 de Marzo de 2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá á venda o vindeiro luns 26 de marzo a partir das 12 horas as entradas para o concerto que a artista internacional Björk ofrecerá o 22 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia. As primeiras entradas sairán á venda cun prezo especial de 35 euros máis gastos de xestión para todos aqueles fans da artista islandesa que decidan mercalas antes do 15 de abril. Os puntos de venda onde se poderán adquirir son: Servinova, Novagaliciabanco,Ticketmaster, FNAC, Halcón Viajes, Carrefour.

A praza exterior da Cidade da Cultura acollerá o que será o único concerto en solitario que Björk ofrecerá na xira española de presentación do seu novo disco Biophilia, considerado pola crítica como un dos seus traballos máis ambiciosos. Deste xeito, o complexo do Gaiás estréase como escenario de grandes concertos internacionais de primeiro nivel coa actuación dunha das grandes referencias da música contemporánea dos últimos vinte anos.

Coñecida por ser unha artista que elixe con moito coidado os lugares onde dá as súas actuacións, Björk será un dos pratos fortes da programación que a Cidade da Cultura ten deseñada para este ano. Unha programación que pretende, por unha banda, abrir o Gaiás como espazo para a proxección dos artistas e creadores galegos, pero tamén como un lugar aberto ao mundo, onde os galegos podan gozar dos mellores artistas internacionais.

Os seus seguidores deberán estar atentos ás redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook: www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia e Twitter: @cidadedacultura), onde proximamente se levarán a cabo varios sorteos de entradas.

A Consellería de Cultura e Educación quere recordar que o concerto de Björk na Cidade da Cultura é posible grazas á Fundación Gaiás e ás empresas privadas que a integran, que co seu compromiso permite financiar o 75% das actividades culturais.

Artista de vangarda

Björk Gudmundsdottir (Reikiavik-Islandia, 1966) pertence a ese grupo de artistas que supoñen un punto de referencia para compositores dos máis variados estilos. Durante toda a súa traxectoria, cada paso revolucionou o mapa sonoro do momento. A súa voz persoal, o seu carisma e unha personalidade abraiante levárona a vender máis de 15 millóns de discos e atesourar unha lexión de fans en todo o mundo.

O venres 22 de xuño na praza exterior da Cidade da Cultura, Björk creará toda unha experiencia sensorial para a presentación de Biophilia, unha ambiciosa obra conceptual que transcende o formato clásico. Neste oitavo disco, a artista desenvolve unha temática global na que fusiona distintos campos como a ciencia, a ecoloxía, as novas tecnoloxías, con instrumentos feitos a medida, sempre na procura dos sons máis vangardistas. O proxecto inspírase na exploración das relacións entre as estruturas musicais e os fenómenos naturais, dende o átomo ao cosmos, demostrando o seu amor pola vida cunha mensaxe optimista.

Os temas de Biophilia foron compostos nun Ipad, pero interpretados con instrumentos acústicos fabricados especialmente para Björk: dende un órgano tubular que se fai controlar dixitalmente ata unha arpa en forma de péndulo xigante que aproveita a gravidade da Terra para crear patróns sonoros. Cada canción foi composta como unha expresión de fenómenos tan complexos como os ciclos lunares (Moon), a estrutura atómica do cristal (Crystalline), o movemento das placas tectónicas (Mutual Core), o ADN (Hollow), a música das esferas (Cosmogony) ou os lóstregos (Thunderbolt). E, á súa vez, cada unha desas cancións explora un determinado elemento musical, como as secuencias, a notación musical ou a harmonía.Dez cancións intimistas, cálidas e sosegadas que crean unha cosmogonía coherente e coidadosamente pensada.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación continúa a dar pasos no seu compromiso de encher de contido a Cidade da Cultura e traballando para que o Gaiás se converta nun centro cultural de referencia internacional.