CREAGAIÁS, unha xornada para potenciar e pór en valor proxectos emprendedores do sector creativo

Santiago de Compostela, 09 de Marzo de 2018

O vindeiro 13 de abril a Cidade da Cultura acollerá a xornada CREAGAIÁS, unha iniciativa lúdico-formativa que nace co obxectivo de potenciar o emprendemento e a creatividade así como pór de relevo as empresas e proxectos residentes no Centro de Emprendemento do Gaiás. Nesta primeira edición, CREAGAIÁS pon o acento na imaxe e en como empregala de forma eficaz a través das redes sociais para facer visible o traballo das persoas emprendedoras.

A xornada, que arrancará ás 16 horas, está especialmente dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado en aprender sobre xestión de marca e imaxe na contorna dixital ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento no Gaiás, que desde a súa creación apoiou xa a uns 350 proxectos. No programa inclúense desde obradoiros e charlas ata un mercado de emprendemento creativo, ademais de espazos para o networking e a música, cun concerto acústico de Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, do grupo Tulsa.

O día a día emprendedor, en imaxes

Ademais, e xa a partir de hoxe, CREAGAIÁS pon en marcha un certame de reportaxes fotográficas co emprendemento como eixo, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais. Os participantes deberán retratar en sete imaxes a semana dun emprendedor ou empresa do Gaiás, transmitindo a realidade do seu día a día como profesionais. A través destes diarios visuais, quérese amosar o esforzo invisible que está detrás tanto do traballo emprendedor como do traballo creativo, e que tamén se simboliza na propia imaxe gráfica do CREAGAIÁS, a través dun iceberg parcialmente mergullado que representa ese talento e traballo oculto. A reportaxe gañadora será galardoada cun premio dotado con 1.200€. Como complemento, lánzase tamén a través da rede social Instagram un concurso dirixido a instagramers de toda Galicia que os anima a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300€. Ambos premios estarán outorgados por un xurado especializado composto por profesionais da fotografía, e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.Programa da xornada 

O 13 de abril, as actividades iniciaranse ás 16:00 cun obradoiro de imaxe e marca na contorna dixital, especialmente dirixido a persoas emprendedoras, creadoras e profesionais do ámbito das industrias culturais. Estará impartido por Iván L. Gimeno, especialista en xestión de redes sociais, country manager de Kafe Rocks e socio de Valumbo, consultora de desenvolvemento de negocio e transformación dixital de empresas.A continuación coñeceranse as persoas premiadas nos concursos de fotografía enmarcados en CREAGAIÁS e inaugurarase unha exposición das mellores imaxes presentadas. Ademais, tanto o autor da mellor reportaxe fotográfica como a persoa emprendedora protagonista da mesma compartirán co público asistente a súa experiencia durante o proceso creativo nunha charla moderada polo xornalista Tito Lesende. Así mesmo, o público asistente poderá coñecer de primeira man os proxectos residentes no coworking da Cidade da Cultura, que presentarán os seus proxectos nun Mercado de Emprendemento Creativo onde intercambiar experiencias ou establecer contactos con potenciais clientes e colaboradores. A actividade estará amenizada polo DJ Manuele Caagmano. O programa incluirá tamén un faladoiro con Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, integrantes do grupo musical Tulsa. Ambos compartirán coa audiencia as súas impresións sobre os procesos creativos, as rutinas do emprendemento e o uso da imaxe e as redes na vida profesional dos creadores. A charla estará seguida dun concerto acústico no que o dúo interpretará temas do novo disco de Tulsa, Centauros, así como outros da carreira de Miren Iza como compositora e vocalista. A cantante, nacida en Guipúscoa, é letrista e voz do grupo Tulsa, con quen foi nominada aos Grammy Latinos de 2007 como artista revelación e aos MTV European Music Awards como mellor artista emerxente.Asistencia libre e de balde

A asistencia á xornada é libre e de balde ata completar capacidade. CREAGAIÁS é un proxecto organizado pola empresa de xestión cultural Correveydile co apoio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e coas empresas Daveiga e Vermut Lodeiros.