Convocados os 5º Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

Santiago de Compostela, 01 de Setembro de 2017

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia convoca a quinta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia, que nesta edición conta de novo coa colaboración do Igape e patrocinio de Afundación.

A convocatoria ábrese o 5 de setembro e permanecerá aberta ata o 5 de outubro ata ás 14 horas. Con ela, a Cidade da Cultura busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño, creación artística e plástica e na área da xestión cultural. 

O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta durante doce meses ao Centro de Emprendemento do Gaiás, onde se contará cun asesoramento personalizado para dispoñer de titorización durante todo o desenvolvemento do proxecto, e un premio en metálico de 2.000 euros para cada proxecto para contribuír ao financiamento da nova empresa, grazas a colaboración do Igape e ao patrocinio de Afundación.

O obxectivo destes premios e impulsar o desenvolvemento de novas ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais e que queiran desenvolver a súa actividade en Gaiás Cidade da Cultura de Galicia: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet e calquera outra persoa con vinculación no emprendemento cultural.

Criterios de avaliaciónEsta quinta convocatoria está destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con vinculación no emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura.

Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles aquí e www.edu.xunta.es. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Á hora de avaliar os proxectos terase en conta –e por orde de importancia- aplicación industrial ou comercial de resultados de investigación científica; od esenvolvemento dun novo método de produción ou de organización dos recursos produtivos; a creación de invencións ou deseños industriais innovadores; a aplicación de innovacións en invencións ou deseños industriais, de embalaxe ou deseño gráfico de produtos tradicionais que melloren significativamente a súa competitividade no mercado; a adaptación ao mercado rexional dunha idea consolidada en mercados estranxeiros; a introdución no mercado dun novo ben ou servizo; e que se xa unha iniciativa de economía social, que contribúa ao desenvolvemento social e económico do territorio, que teña como obxectivo traballar e promover o cooperativismo, o respecto polo medio ambiente e o benestar social da comunidade.Once proxectos xa en marchaDesde a posta en marcha en 2013 dos primeiros Emprende Gaiás-Sixto Seco, once empresas do ámbito cultural comezaron a desenvolver a súa actividade no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. 

Os gañadores da primeira edición foron Hugo Crespo Pazos co proxecto ‘Coolto’, unha ambiciosa axenda cultural galega; Isabel Albela González con ‘Boh’; unha novidosa liña de regalos e souvenirs; e Planeta Namec de Benjamín Trillo. 

No 2014, resultaron gañadores Santiago Berdullas con Kappowsky, unha aplicación de xeolocalización en espazos culturais para teléfonos móbiles e tablets; Soraya Redondo Taboada co seu proxecto téxtil ‘Frigilda is dead’; e Clara Rodríguez Cordeiro con ‘7H Cooperativa Cultural’, un proxecto de traballo asociado para profesionais de xestión e creación contemporánea. 

Na edición de 2015, os gañadores foron a plataforma de consumo colaborativo de equipos audiovisuais ‘Nuevos Mozarts-Conetcam’, a liña de produtos infantís ‘Cucuducho’ e a consultoría especializada en innovación e cultura ‘Kolectiv’. 

Na última edición, o gañador na categoría de ‘Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet’ foi 'I’m a local', un proxecto de Alexandra Touza e Sonia Márquez, que desenvolveron unha aplicación móbil que opera como escaparate para dar a coñecer a pequenos produtores. 'Cake artistb' foi a proposta galardoada no apartado de ‘Deseño, creación artística e plástica’. Nela, Daniel Diéguez combina a tecnoloxía de impresión 3D co mundo da repostería.

Algúns destes proxectos, como 7H Cooperativa Cultural seguen a desenvolverse no Centro de Emprendemento do Gaiás, que engloba un espazo de coworking, un viveiro de empresas e o espazo de crowdworking Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Tres iniciativas que, a día de hoxe, reúnen un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia. 

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego. 

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.