Convenio con AJE-Pontevedra para impulsar o emprendemento

Santiago de Compostela, 03 de Outubro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) da provincia de Pontevedra para impulsar o emprendemento no Gaiás. En virtude deste acordo, o Centro de Emprendento do Gaiás cederalle de balde dous espazos aos gañadores dos premios que convoca anualmente: Joven Empresario y Joven Emprendedor del Año, á vez que se integrarán no seu programa de formación. Pola súa banda, AJE-Pontevedra realizará ao longo de 2018 actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente se localizan no CEM: no Coworking e no Viveiro.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e Pablo Fernández López, en calidade de presidente de AJE-Pontevedra, foron os encargados de establecer as bases desta nova unión nun acto celebrado esta mañá en Pontevedra. No 2018, a asociación de empresarios amosará a súa colaboración e aposta polo CEM, coa celebración de actividades formativas co obxectivo de mellorar as capacidades das empresas, así como de eventos de networking que faciliten o establecemento do sinerxías e ampliación da rede de contactos dos emprendedores.

Do mesmo xeito, AJE-Pontevedra levará a cabo actuacións de promoción e difusión do Centro de Emprendemento CEM da Cidade da Cultura de Galicia co fin de transmitir os valores e difundir as actividades que en dito espazo se realizan.

Premios Joven Empresario e Joven Emprendedor del Año

Pola súa banda, a Cidade da Cultura colaborará nos premios Joven Empresario e Joven Emprendedor del Año, que cada ano convocan AJE-Pontevedra. Deste modo, cederalle de xeito gratuíto, durante un ano, dous postos no espazo CEM para ser ocupados polos gañadores destas dúas categorías. Ambos recibirán tamén formación, xa que serán integrados no plan de formación de emprendedores co que conta o centro.

O convenio entre a Cidade da Cultura e AJE-Pontevedra enmárcase dentro do fomento do emprendemento en toda a súa extensión co que está intimamente vencellado o Gaiás: programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente se sitúan no Centro de Emprendemento (CEM), con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego; actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido. 

Precisamente, a directora-xerente da Cidade da Cultura recordou que 350 emprendedores pasaron xa polo CEM desde a súa apertura e tirou proveito da sinatura deste convenio para ratificar o compromiso coa liña estratéxica do Plan de Emprendemento do Gaiás.

Neste senso, débese lembrar que a Cidade da Cultura leva a cabo todo tipo de actuacións na procura da interrelación con axentes de distintos ámbitos das industrias culturais e creativas (con especial énfase na cooperación interrexional e a colaboración pública e privada), así como todas aquelas axeitadas para situar o Gaiás como referente internacional de reflexión e de formación no ámbito da innovación na xestión cultural, para contribuír a facer máis profesionais os diferentes axentes e as súas iniciativas.

AJE-Pontevedra

Pola súa banda, AJE-Pontevedra persegue como fins fundamentais o fomento do talento do novo emprendedor na sociedade, e o apoio aos emprendedores para crear e consolidar as súas empresas, proporcionando os medios técnicos, humanos e loxísticos necesarios, potenciando deste xeito unha nova cultura emprendedora e innovadora.

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra é unha das pioneiras no movemento asociativo que hoxe en día agrupa a máis de 18.000 novos empresarios en toda España, a través de AJE Confederación.