As claves da explosión creativa da banda deseñada e da animación en Galicia, a análise en Nexos

Santiago de Compostela, 19 de Febreiro de 2018

O ciclo de cultura contemporánea Nexos volve este vindeiro sábado, día 24 de febreiro, á Cidade da Cultura de Galicia para analizar as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso, contará con dous galegos, referentes en ambas disciplinas: Alberto Vázquez, gañador de tres Premios Goya, e Manel Cráneo, Premio Nacional de Cómic e creador do coñecido proxecto Planeta Mincha.

Desde os anos 70, de Raimundo Patiño a Xaquín Marín en diante, fóronse xestando en Galicia varias xeracións de artistas cun fabuloso talento creativo que abraiou ao mundo e que nos fixo merecedores de abundantes premios e recoñecementos, incluíndo Premios Goyas de Animación, como é o caso dun dos relatores: Alberto Vázquez.

Este coruñés, nado en 1980, conta xa con tres destes galardóns: dous Goya deles na sección de curtametraxes, con Birdboy (2012) e Decorado (2017) e outro, no mesmo ano que esta última por Psiconautas, los niños olvidados. Director de cine, ilustrador e debuxante de cómics, Álberto Vázquez foi cofundador do selo editorial Polaqia e dirixiu o Fanzine Enfermo. Os seus libros foron editados en España, Francia, Italia, O Brasil e Corea. De igual xeito, as súas pezas de animación audiovisual foron exhibidas nos festivais de Cannes, EFA Awards, Toronto, Annecy, Clermond-Ferrand, Animafest  Zagreb ou Slamdance, entre outros, ata ter no seu haber máis de cen premios internacionais.

Esta tipo de profesionais con esta traxectoria avala o feito de que a animación audiovisual sexa quizais a disciplina artística na que Galicia máis teña despuntado en tempos recentes. Moitos dos autores galegos desenvolven carreiras de éxito en Os Estados Unidos, Francia e outros países, e a canteira semella garantida. Por iso, neste relatorio, moderado coma sempre por Marcos Lorenzo, abordarase, entre outras cuestións, o xeito de como consolidar unha industria que poida reter ese talento e xerar un foco de desenvolvemento cultural no país. 

Neste aspecto, seguro que servirá para contar cunha visión máis ampla do sector o segundo relatorio da sesión con Manel Cráneo. Artista multidisciplinar. Autor dos álbums Dámsmitt

(Dibbuks, 2006), Os Lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009), Cousas de Mortos (Demo Editorial, 2012), A Fraga Milmañas (Demo Editorial, 2013) e Destino Hërgüss (Demo Editorial, 2015). A súa obra foi exposta en España, Portugal, Francia e Cuba. Entre outras distincións, recibiu o premio Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de Federico García Lorca. Foi presidente da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e vicepresidente da FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais). Na actualidade é director da editora e produtora cultural Demo e creador da proxecto multidisciplinar Planeta Mincha.

Combate de debuxantes e Sesión Infantil

Ademais, este relatorio dobre, no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, verase complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantesInés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Luís Yang poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Dani Xove, mestre de cerimonias e animador do combate.

En paralelo a isto, celebrarase a sesión Nexos Infantil correspondente. Neste obradoiro, a cativada realizará a súa propia banda deseñada e mesmo se atreverán a facer o seu particular Combate de debuxantes, mantendo o carácter de reto divertido e enxeñoso como manda o protocolo deste tipo de actividade.

O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional.

Porá punto e final a  sesión de Nexos deste sábado o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

As entradas, tamén para a sesión de Nexos Infantil correspondente, están á venda tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e cóntase con máis información polo miúdo en cidadedacultura.gal.