A Cidade Imaxinaria Primavera ateigou o Gaiás con espectáculos, xogos e obradoiros para gozar dun divertido plan en familia ao aire libre

Santiago de Compostela, 21 de Abril de 2018

Cidade Imaxinaria Primavera ateigou esta tarde de sábado a Praza Central da Cidade da Cultura de Galicia de espectáculos, xogos, música e obradoiros de temática circense para festexar a chegada da primavera e tamén o Día Internacional do Circo con catro horas ininterrompidas de diversión en familia, de entrada libre e de balde.

A Cidade Imaxinaria Primavera consistiu nunha réplica da tradicional xornada lúdica que desde hai oito anos se celebra todos os agostos na Cidade da Cultura de Galicia e que, este ano, se convocou tamén nesta estación para festexar a chegada do bo tempo e a posibilidade de gozar dunha divertida tarde familiar ao aire libre.

Deste xeito, recolleu o espírito de diversión e festa da cita tradicional da cita do verán —que este ano se celebrará o 25 de agosto— e ofreceu catro horas ininterrompidas (de 16 a 20 horas) de espectáculos, música e xogos, nos que mergullarse na ilusión e fantasía circenses á quen se homenaxeba pola coincidencia co seu día grande.

Malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistaron todos os recunchos da Praza Central da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con  músicas, danzas, xogos, teatro e fabulosas historias en formato de contacontos ou de representacións con monicreques.

Xogos e espectáculos de circo, maxia e danza
Espectáculos e obradoiros de novo circo, clowns e maxia cos que grandes e pequenos puideron gozaron dunha tarde en familia na Cidade da Cultura, e que se viu completada por divertidas actuacións itinerantes, entre as que se atoparon concertos á carta de antropomorfos caracois en bicicleta ou enxeñosas e virtuosas coreografías de danza en xigantescos zancos.

A Praza Central do Gaiás fixo tamén un oco para que se instalara unha caravana, que abriu as súas portas á cativada para viaxar, a través de cancións, contacontos, monicreques e moitas risas, por relatos a prol da igualdade e que procuran, arrincando moitos sorrisos, rachar, desde a infancia, cos estereotipos sexistas.

A programación ininterrompida de catro horas de Cidade Imaxinaria Primavera tamén permitiu que nenos e nenas participen e se marabillasen xuntos coas súas familias en imaxinativas propostas como treboadas de confeti de cores dentro dunha gran burbulla xigante.

Espectáculos de diversión innovadores que se deron a man, nun mesmo espazo, con xogos tradicionais como os de Hélder, simples trebellos de corda e madeira que ao longo do tempo atrapan e cativan o todos os que os proban, independentemente da idade.

Zona de petiscos e unha guía de actividades
Cidade Imaxinaria Primavera contou, ao igual que na cita tradicional do verán, con zonas de lecer para tomarse un descanso ou repor enerxías con postos de petiscos e larpeiradas e con reforzo no servizo de buses que se sumaron ás habituais Liñas 9 e 11, que conectan o Gaiás co centro de Compostela para facilitar vir gozar desta xornada festeira.