A Cidade da Cultura festexa o Día dos Museos o 18 e 19 de maio cun programa que ofrecerá 13 tipos de visitas comentadas

Santiago de Compostela, 07 de Maio de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia ampliará a celebración do venres día 18 do Día dos Museos tamén ao sábado 19 cunha ampla programación na que as visitas comentadas, en 13 modalidades diferentes, serán as principais protagonista. Trátase dun xeito de tirar proveito da alta valoración e demanda que este formato rexistra no Museo Centro Gaiás, á vez que fornecer o lema deste ano: a hiperconectividade.

Por este motivo, a celebración do Día dos Museos potenciará as visitas comentadas para “hiperconectar” co seu público a súa programación cultural e expositiva que, neste momento, recae nas dúas grandes mostras que acolle: Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación Baldomero Pestana, a verdade entre as mans. Ambas poderán coñecerse polo miúdo en 13 modalidades diferentes para que cada persoa atope a experiencia que mellor se lle axeite: desde a familiar ou regular; á online, través das redes sociais da Cidade da Cultura; á versión reducida ou express de 30 minutos; ou incluso de noite, nun xeito distendido e relaxado, no que non faltará unha sesión DJ, e haberá servizo de cafetería no propio Museo.

Precisamente, Hiperconectado contigo é a adaptación do lema para estes festexos por parte do Museo Centro Gaiás, que no seu sexto ano en activo xa ten consolidada unha programación expositiva e cultural na capital de Galicia, tal e como demostra o feito de que Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación foi vista desde a súa inauguración, o pasado 16 de marzo, por máis 11.000 persoas, 3.000 delas a través das visitas comentadas.

No museo, pola cara
A programación de celebración arrancará o venres 18 coa inauguración de No museo, pola cara. Trátase dunha exposición que amosará o resultado do obradoiro de retrato fotográfico, que se realiza mañá e pasado no Museo Centro Gaiás con rapaces e rapazas desde 3º da ESO ata Bacharelato, ao redor da exposición de Baldomero Pestana, fotógrafo de Castroverde (Lugo) que chegou a ser o gran retratista da cultura hispanoamericana da metade do século XX.

A actividade será impartida por Tamara de la Fuente, directora creativa audiovisual e directora de arte que forma parte do equipo de festivais de prestixio como o PlayDoc, Carballo Interplay ou Curtocircuíto e conta con todas as prazas (100) xa reservadas. Os traballos destes incipientes fotógrafos serán exhibidos ata o 2 de setembro no Andar 0 do Museo Centro Gaiás, facéndoa coincidir coa data de remate da exposición de Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.

Descubre unha exposición por dentro e a túa peza favorita
Na liña de afianzar a hiperconectividade co público, a programación do Museo Centro Gaiás complétase o sábado día 19 cunha actividade para revelar todo o proceso de xestación dunha exposición. Deste xeito,  faise partícipe ás persoas que se inscriban de todo o traballo e procesos que precisa a  posta en marcha dun proxecto expositivo. Tomaranse como exemplo as dúas actuais: Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación e Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.

O Museo Centro Gaiás ábrese así de todo ao seu público e procura tamén que este se abra a el, pedíndolle a todos e todas aquelas que veñen estes dous días as actividades conmemorativa que compartan cal é a súa obra ou peza favorita das exposicións. Impresións e valoracións ás que lle daremos voz e visibilidade polas redes sociais (Facebook e Instagram) da Cidade da Cultura.

A celebración contará durante estes dous días cun photocall baseado nunha das pezas artísticas que acolle o Museo Centro Gaiás co obxecto de vivir dun xeito activo e tamén lúdico a arte, e darlle carácter de festexo ao Día dos Museos. Así, animarase á xente a facerse unha foto e compartila nas redes sociais empregando o cancelo #DIMGaiás2018. Toda a información da programación do Día dos Museos está dispoñible na páxina web www.cidadedacultura.gal.