Cidade da Cultura e AJE Galicia impulsan actividades formativas e promocionais para máis dun millar de empresas

Renovación convenio Fundación Cidade da Cultura - AJE Galicia
Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2018

A Cidade da Cultura e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia reforzaron hoxe a súa colaboración coa sinatura dun novo convenio de colaboración que dá continuidade ao compromiso adquirido hai un ano para favorecer o emprendemento e a creación de novas empresas. Ambas entidades programarán accións conxuntas das que se poderán beneficiar máis dun milleiro de empresarios e emprendedores.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o presidente da AJE Galicia, Jose Redondo Sampedro, foron os encargados de renovar este acordo nun acto celebrado esta mañá no Gaiás.

En virtude deste convenio, AJE Galicia conta cun espazo de balde no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, con acceso a todos os servizos e infraestruturas do CEM, no cal a asociación vén organizando diversas actividades para impulsar a creación e consolidación de novas empresas galegas. Este lugar serve tamén de sede para a delegación en Santiago de Compostela da AJE.

Pola súa banda, á asociación correspóndelle a promoción entre os seus afiliados das actividades que se programen no Centro de Emprendemento, así como a realización de encontros, accións formativas e para a ampliación da rede de contactos tanto dos emprendedores e empresas asociadas como daquelas que se atopan no Coworking e no Viveiro de Empresas do Gaiás.

Este convenio encádrase dentro do Plan de Emprendemento do Gaiás, un dos tres eidos estratéxicos –xunto coa tecnoloxía e a cultura– nos que opera a Cidade da Cultura. Neste sentido, o Centro de Emprendemento do Gaiás programa máis de cen actividades cada ano dirixidas á comunidade emprendedora galega e acolle, na actualidade, a 350 persoas que están impulsando proxectos innovadores.

Desde o Centro de Emprendemento bríndase apoio e asesoramento personalizado a proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego, cun énfase especial no sector das industrias culturais e creativas. Deste xeito búscase servir de plataforma de desenvolvemento e promoción da marca país Galicia e transferir a outros sectores máis maduros do tecido produtivo prácticas e iniciativas que favorezan a innovación.

Ademais do espazo dedicado a AJE Galicia, o centro conta cun coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras, en colaboración coa Amtega, están desenvolvendo proxectos de apoio a start ups galegas.

AJE-Galicia está formada por máis de 1.000 empresas que agrupan a máis de 6.560 traballadores e cunha facturación que supera os 428 millóns de euros.

 
Renovación convenio Fundación Cidade da Cultura - AJE Galicia
Sinatura convenio Fundación Cidade da Cultura - AJE Galicia