A Cidade da Cultura acolle, no Día Internacional da Muller, a xornada Lider-A para impulsar a igualdade

A Cidade da Cultura acolle a xornada Lider-A para impulsar a igualdade no Día Internacional da Muller
Santiago de Compostela, 07 de Marzo de 2018

A Cidade da Cultura acolleu este mércores o acto institucional do Día Internacional da Muller organizado pola Xunta de Galicia, que levou a cabo a xornada Lidera-A. Muller e Liderado “Avanzando en Igualdade”. Co obxectivo de pór de relevo a importancia do liderado das mulleres, o evento consistiu nun encontro con distintos espazos de aprendizaxe e intercambio nos que analizar o liderado feminino, contribuíndo ao empoderamento e mellora do desenvolvemento persoal e profesional das mulleres así como das entidades, tanto públicas como privadas.

O foro contou con relatoras de distintos perfís, especialmente mulleres directivas, emprendedoras, académicas ou que ocupan algunha posición de liderado en institucións públicas, así como persoas expertas que constitúen exemplos de boas prácticas no ámbito da promoción da igualdade.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de clausurara a xornada, cunha intervención na que avogou pola unidade no Día Internacional da Muller. Porque a igualdade real, aseverou, "non a imos acadar indo uns contra outros senón indo todos contra o problema".

Inspirado no alumnado que este ano elaborou o cartel do Día da Igualdade da Xunta, “pensando cada un do seu xeito, pero traballando uns cos outros”, o responsable do Executivo autonómico quixo insistir no espírito colectivo, na unidade de ideas e de esforzos e na vontade de avanzar a través do consenso, “porque creo que é a canle máis axeitada para todas as aspiracións femininas. Que son femininas, pero que tamén deben ser masculinas”, sentenciou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que as mulleres líderes que participaron nesta xornada son a mostra de que as últimas décadas abriron o período máis frutífero da nosa historia tamén en liberdades e dereitos das mulleres. "E de que a sociedade que xa somos reúne unha chea de valores positivos que merecen ser coñecidos e recoñecidos, porque neles se atopa o impulso necesario para seguir mellorando".

Pese aos pasos adiante, o presidente da Xunta salientou que outros aínda están por dar e apostou por seguir traballando para converter a igualdade legal en igualdade real, palpable no día a día.

“Convócannos moitos retos” que nos invitan a estar unidos e unidas, dixo, referíndose á conciliación e a corresponsabilidade, “porque non pode ser que as mulleres accedan ao mercado laboral a expensas de levar todo o peso da familia ás costas, ou que este factor mine a súa liberdade para decidir”; á fenda laboral, que xa se está a reducir pero aínda está lonxe da igualdade total; ao acceso das mulleres a certos sectores nos que a súa presenza aínda é residual e á ruptura do denominado teito de cristal para que accedan a altos cargos; ou á lacra que supón a violencia machista, “que nos indigna e nos avergoña cada día”.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención facendo fincapé en que o traballo a prol da igualdade real “convócanos hoxe, mañá e os 365 días do ano”. E expresou o desexo de que unidos e concienciados, o día no que a voz das mulleres se escoite con plenitude na Historia escrita con maiúsculas estea cada vez máis preto.