Bota a andar ‘Reb/veladas na paisaxe’, un ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás

Bota a andar ‘Reb/veladas na paisaxe’, un ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás
Santiago de Compostela, 11 de Maio de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar Reb/veladas na paisaxe, un novo ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás co que se procura non só a posta en valor das súas zonas naturais —Bosque de Galicia e Parque do Lago– senón tamén darlle visibilidade á presenza da muller na arte contemporánea, incorporando unha perspectiva de xénero que reflicta a diversidade no ámbito creativo.

Para afianzar esta cerna convidouse, nesta primeira edición, a tres comisarias galegas —Chus Martínez Domínguez, Anxela Caramés e Antía Cea García— a que escolleran as/os artistas cos que lle apetecía inaugurar este novo ciclo e elixiron Beatriz Lobo (Vigo, 1985), Paul E. Guy (Chicago, 1967) e Maria Kulikovska (Crimea, 1988), respectivamente.

As tres intervencións que se desvelarán o 24 de maio, data da inauguración, teñen en común o convite a unha andaina artística que impulsa a descuberta e a experimentación dos e das camiñantes, a través da propia interacción coas instalacións que se localizarán no Parque do Lago, no caso do proxecto de Beatriz Lobo; e no Bosque de Galicia, o de Paul E. Guy e Maria Kulikovska.

Nova ruta natural e artística no Gaiás

En Reb/veladas na paisaxe as rutas peonís conducirán o visitante camiñante a estas intervencións artísticas. Desta forma, establécese unha nova ruta ao Gaiás, atractiva e cargada de significados culturais. A liña argumental das propostas é a creación dun novo camiño/itinerario que relaciona o marco natural, coas dúas cidades (ao do Gaiás e a histórica) e coas rutas de peregrinación. Precisamente, o monte Gaiás é unha atalaia estratéxica entre o Camiño Francés e a Vía da Prata, conectada en breve coa principal vía de comunicación galega norte-sur; a autoestrada do Atlántico.

Deste xeito, Reb/veladas na paisaxe contribúe a potenciar as zonas verdes da Cidade da Cultura , engadindo un novo valor natural e de lecer para a cidade compostelá e para  toda a poboación que acolle. Mais, sobre todo, preténdese que sexa un ciclo de referencia en Galicia tanto na visibilidade de creadoras como de intervencións artísticas en espazos e terreos naturais.

As intervencións de Reb/veladas na paisaxe poderán verse ata o 21 de outubro e contarán con visitas comentadas todos os venres ás 20 horas. Tamén están previstas visitas guiadas cos propios artistas. Estas actividades e máis información polo miúdo do proxecto, na páxina web da Cidade da Cultura —www.cidadedacultura.gal— a partir da inauguración o 24 de maio.