Spin2016 premia ao proxecto galego GenDR

GenDR, proxecto gañador do Spin2016
Santiago de Compostela, 01 de Outubro de 2016

GenDR, spin-off nada na Universidade de Santiago dedicada á farmacoxenómica foi un dos proxectos gañadores do Spin2016, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, que se celebrou desde o xoves e ata hoxe na Cidade da Cultura. O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, trasladoulle os parabéns aos integrantes de GenDR e salientou que todos os premiados, así como os finalistas e demais participantes no evento, forman parte xa dunha “comunidade global de emprendedores”, construída en base ao “poder do coñecemento”, que comparte os valores de determinación, esforzo e motivación e que “está convencida de que o don de imaxinar para atopar solucións novas é un don que non ten límites”, subliñou.

GenDR resultou gañador deste Spin2016 xunto a ConAcción, Light Energy, MediPrint e Sencillo, cinco proxectos que recibirán 10.000 euros en metálico e acceso aos programas formativos da Red Emprendia para titorización e posta en marcha do modelo de negocio. Os cinco resultaron gañadores entre as 464 candidaturas de 12 países de Iberoamérica que se presentaron nesta edición do Spin.

GenDR nace na Facultade de Farmacia de Santiago a partir dunha tecnoloxía de análise xenético que permite anticipar a reacción do organismo a un tratamento farmacolóxico, información que se pode utilizar á hora de tomar unha decisión sobre que medicamente é o máis axeitado.

Universidade e emprendemento

No peche do Spin2016, Román Rodríguez explicou o papel fundamental que xoga a universidade á hora de canalizar e potenciar o talento e favorecer a súa transmisión á sociedade. Deste xeito, reafirmou o compromiso do Goberno galego cun modelo de universidade que sitúa o apoio ao emprendedor á fronte das súas prioridades, “unha meta –insistiu– na que coincidimos toda a comunidade universitaria e na que estamos dando pasos decididos”.

Román Rodríguez agradeceu a implicación de todos os relatores, participantes, inversores e patrocinadores presentes neste evento de impacto mundial, ao abeiro do cal se xerou un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias, así como de traballo en rede e xermolo de novas ideas de negocio. Neste sentido, salientou a “sintonía” que une ás diferentes institucións participantes no Spin, un nexo en común á hora de entender “a innovación e a creatividade como unha chave de crecemento, de produción de riqueza para as nosas sociedades e, en definitiva, como un campo de futuro”, trasladou.

Máis de 3.000 asistentes

Spin 2016, que remata hoxe, logrou reunir en Santiago de Compostela –e, con especial relevancia, na Cidade da Cultura, onde se centralizaron gran parte dos actos– a máis de 3.000 participantes e 70 relatores de 20 países, 100 universidades e 100 inversores.

Así mesmo, ao longo destas tres xornadas participaron destacadas personalidades do mundo da ciencia, a investigación, a empresa e a cultura, como o músico e compositor gañador de dous Premios Oscar, Gustavo Santaolalla, o cociñeiro Joan Roca, a escritora brasileira e Premio Príncipe de Asturias das Letras Nélida Piñón, o ex-seleccionador de fútbol español Vicente del Bosque, a nominada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgán da Aprendizaxe Sakena Yacoobi ou a moza emprendedora peruana Mariana Costa, cuxo traballo en favor da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.

Proxectos con mención

Xunto aos premios Model2Market, o Spin2016 repartiu tres mencións entre os proxectos que fixeron a súa presentación no foro de investimento StarMoney4Stars. Un dos beneficiarios foi o proxecto Fuvex, que recibirá un préstamo participativo do Igape. Xunto a eles, os outros dous proxectos con recoñecemento foron FixYou e Closca.

O último día do Spin 2016 tamén entregou mencións a tres proxectos do SpinWay, programa no que dez grupos de emprendedores universitarios de Iberoamérica desenvolveron ideas de negocio ao tempo que realizaron os cen últimos quilómetros do Camiño de Santiago. Os proxectos gañadores foron Energy Mam, Kinetic Koala e Venopro.