O Gaiás pon a disposición dos Concellos os seus espazos

Santiago de Compostela, 12 de Xullo de 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición dos concellos de toda Galicia os espazos da Cidade da Cultura co fin de que poidan aproveitar as posibilidades arquitectónicas e a visibilidade deste complexo para todas as presentacións e actos promocionais que desexen levar a cabo na capital de Galicia.

A colaboración entre o Gaiás e os concellos de Galicia pechouse esta mañá na sinatura dun convenio entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García Rodríguez. A Fegamp presentará agora este convenio a todos os concellos galegos promovendo a súa adhesión e informando de que os que participen poderán empregar sen custe os espazos da Cidade da Cultura. 

Un espello para 313 rostros 

O conselleiro de Cultura destacou que “a apertura do Gaiás a todos os Concellos de Galicia é unha prioridade” na xestión da Cidade da Cultura, e subliñou que este complexo debe operar como “unha plataforma para dar a coñecer o mellor da nosa comunidade”. Neste sentido, remarcou que “os 313 rostros do noso país deben poder ollarse nun mesmo espello; e ese espello é a Cidade da Cultura”, á que definiu como “a casa cultural de todos os galegos e galegas”.

Por iso, Román Rodríguez animou a todas as entidades locais a que se sumen a este acordo, posto que se trata dunha garantía para darlle máis visibilidade ás actividades dos concellos e para lograr máis beneficios turísticos. 

Pola súa banda, o presidente da Fegamp fixo fincapé en que “é un acerto que os concellos podan utilizar as instalacións da cidade da cultura de forma gratuíta e aínda máis para os concellos pequenos e con menos recursos, xa que non se poderían permitir o uso destes espazos debido ao custo que suporía”. Así mesmo, subliñou que “este convenio mantén a liña de colaboración do goberno autonómico cos concellos e que é unha forma de poñer en valor o GAIÁS e achegálo a todos os galegos e galegas”.

O Gaiás cos concellos de Galicia

Actualmente, as posibilidades e beleza arquitectónica da Cidade da Cultura están xa a atraer a ollada de empresas, colectivos sociais e institucións. De feito, cada ano organízanse máis de 300 eventos desta natureza, que se suman ás 200 actividades culturais.

Deste xeito, e a través deste convenio –que terá unha duración de catro anos con posible prórroga– os municipios, así como a propia Fegamp, poderán realizar tanto actos promocionais das súas actividades como roldas de prensa, accións culturais, turísticas ou de posta en valor do patrimonio propio. Trátase dunha cesión gratuíta e con carácter temporal e limitado no tempo.

Co lema ‘O Gaiás cos concellos de Galicia’, a sinatura deste acordo levouse a cabo no marco dunha xornada de traballo da comisión executiva da Fegamp que se desenvolveu na Cidade da Cultura, reunión tras a que aproveitaron para realizar unha visita guiada aos diferentes espazos do complexo. 

 

 

Cultura

  • (5)