O Arquivo de Galicia recibe máis de 600 libros do fondo documental do Banco Gallego

Santiago de Compostela, 06 de Marzo de 2017

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía o valor histórico e cultural dos máis de 600 libros do fondo documental do Banco Gallego que, desde hoxe, estarán á disposición de todos os galegos no Arquivo de Galicia.

Durante o acto de entrega do fondo por parte da Fundación Banco Sabadell, Feijóo salientou que entre os exemplares custodiados no Arquivo de Galicia figuran todo tipo de documentación de bolsa, de factura, de billetes, de caixa ou de negociados, e tamén as copias das cartas do Banco Gallego, nas que se recolle a cultura de comunicación e de relación da empresa.

Ao respecto, aseverou que, a través da súa pegada, se poderá coñecer o papel que desenvolveu a banca na vida dos galegos desde 1760 ata o inicio do século XX, desde todos os puntos de vista: o dos clientes, pero tamén os dos propios fundadores do banco, que desenvolveron unha intensa actividade industrial e comercial en ámbitos como a fabricación de coiros, as conservas ou a obra pública.

O presidente da Xunta lembrou que, froito desta concepción, que aspira a entender a Galicia actual desde as súas raíces é a creación da Memoria Dixital de Galicia, que empregará a tecnoloxía para levar aos galegos de hoxe e de mañá o que fixeron os galegos de onte.

Logo de precisar que o préstamo en comodato que hoxe se recibe non supón un cambio na propiedade dos documentos, pero si unha universalización no seu acceso, o responsable do Goberno galego trasladou o desexo de que os case 3000 libros que constitúen o arquivo histórico do Banco Gallego acaben repousando no Arquivo de Galicia, e constituír así unha das coleccións estrela albergadas pola Cidade da Cultura.

Ademais do valor histórico, Feijóo puxo de manifesto o gran valor destes fondos como testemuñas dun fenómeno que caracterizou boa parte da nosa historia: a emigración a América.

Ao respecto, aseverou que estes documentos permiten probar a correlación entre as remesas enviadas desde a diáspora e a redención dos foros, que lles permitiu aos labregos acceder á propiedade das terras que traballaban desde había séculos.

Feijóo concluíu recordando que o Arquivo de Galicia custodia outras coleccións senlleiras como a da Banca Bengoechea ou a da familia Vilariño Pintos, a primeira en abrir un camiño de doazóns ao que cada vez se unen máis particulares e empresas.