Dous proxectos galegos, entre os finalistas do Spin2016

Finalistas Spin2016
Santiago de Compostela, 30 de Setembro de 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra que dous proxectos galegos se clasificasen hoxe para a fase final do Spin 2016, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, que se celebra estes días na Cidade da Cultura e que concentra a 3.000 emprendedores de España, Portugal e América Latina.

Lacteal e GendR, dúas spin-off nacidas na Universidade de Santiago, foron seleccionados entre as 464 candidaturas recibidas de 12 países diferentes. Os quince finalistas competirán mañá no Gaiás por premios valorados en 100.000 euros na categoría Model2Market, modalidade na que se valoran as mellores ideas de negocio.

A entrega de premios terá lugar tamén mañá na xornada de clausura do Spin, acto que contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Vicente del Bosque, seleccionador nacional de fútbol cando España conquistou o Campionato do Mundo en 2010 e a Eurocopa en 2012.

Unha final con 100.000€ en premios

Os finalistas disporán mañá de cinco minutos para realizar unha presentación do seu proxecto, intervención determinante para a selección dos cinco gañadores do Model2Market. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, trasladou aos finalistas os parabéns no nome da Xunta, desexando a mellor sorte para a final.

A spin-off Lacteal dedícase á fabricación de suplementos para alimentación animal a partir de algas recollidas en Galicia. Este tipo de produtos de orixe natural evita recorrer a substancias químicas, sendo especialmente aconsellada para a gandería biolóxica. Lacteal créase na Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago.

GenDR, o outro proxecto galego finalista, nace na Facultade de Farmacia de Santiago a partir dunha tecnoloxía de análise xenético que permite anticipar a reacción do organismo a un tratamento farmacolóxico, información que se pode utilizar a hora de tomar unha decisión sobre que medicamente é o máis axeitado.

O director do Igape, Javier Aguilera, participou esta mañá no foro SmartMoney4Stars, no que proxectos emprendedores seleccionados teñen a oportunidade de entrar en contacto co medio centenar de fondos de inversión e bussinesangels convocados pola Xunta e por RedEmprendia para participar no Spin, con fin de ofrecer novas vías de financiamento a proxectos innovadores.

O Spin recibiu hoxe tamén a visita do ministro de Ciencia, Tecnoloxía e Educación Superior do Goberno de Portugal, Manuel Heitor, que aproveitou a súa presenza na Cidade da Cultura de Galicia para interesarse polo Centro de Empremendento do Gaiás, onde se están a impulsar douscentos proxectos innovadores.