A Cidade da Cutura e o Ingavi apostan polos emprendedores

Santiago de Compostela, 13 de Xullo de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia e o Instituto Galego do Viño promoverán desde o Centro de Emprendemento do Gaiás actividades formativas e de asesoramento que beneficiarán ás empresas emprendedoras.

Segundo se recolle nun convenio asinado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o director do Ingavi, Xoán Cannas, o Instituto Galego do Viño organizará ao longo dos próximos cinco anos actividades formativas e de asesoramento, así como eventos que sirvan de plataforma de desenvolvemento e promoción da marca Galicia.

Co devandito acordo o Instituto Galego do Viño renova o seu compromiso co Centro de Emprendemento do Gaiás, ao que pertence desde o ano 2013, consolidando a formación a profesionais e emprendedores que desexan reforzar as súas competencias no ámbito do sector turístico, vitivinícola e hostaleiro.

Curso de Sumiller e Barman

O Ingavi continuará impartindo na Cidade da Cultura o Curso Superior de Sumiller Profesional, o de Especialización en Barman Profesional e o de Xestión de Restaurantes e Vinotecas, contando coa presenza de figuras de renome como Guillermo Cruz, sumiller xefe do Mugaritz e Mellor Sumiller de España no 2014.; Ferrán Centelles, sumiller de El Bulli (tres estrelas Michelin); César Cánovas, mellor sumiller de España en 2006 e uno dos dez mellores do mundo; ou Pepe Solla, dono e xefe de cociña de Casa Solla (unha estrela Michelin).

O convenio de colaboración entre a Cidade da Cultura e o Ingavi inclúe a celebración de eventos como o Viñerón, feira vitivinícola que favorece o encontro directo entre quince dos mellores novos talentos do viño; ou os Premios Magnum do Viño Galego, que recoñece o traballo dos mellores produtores do ano.

Con este tipo de acordos, a Cidade da Cultura busca consolidar o Centro de Emprendemento, dándolle a oportunidade a diversos profesionais de desenvolver a súa labor creadora no Gaiás. Desde a súa apertura en 2013, o CEM do Gaiás xa prestou apoio a máis de 200 proxectos creativos, culturais e de innovación tecnolóxica.