A Cidade da Cultura e AJE-A Coruña suman esforzos a prol do empremento

Santiago de Compostela, 23 de Febreiro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia acaba de asinar un novo convenio de colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) da provincia da Coruña para impulsar o emprendemento no Gaiás. Actividades formativas, de asesoramento e que buscan favorecer o punto de encontro entre emprendedores e empresarios serán os tres eixes nos que AJE e a Cidade da Cultura traballarán ao longo deste 2017 no Centro de Emprendemento de Galicia (CEM).

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e Marcos Balboa Beltrán, en calidade de presidente de AJE-A Coruña, foron os encargados de renovar esta unión nun acto celebrado esta mañá no Gaiás. Neste 2007, a asociación de empresarios seguirá apostando polo CEM, coa celebración de actividades formativas co obxectivo de mellorar as capacidades das empresas, así como de eventos de networking que faciliten o establecemento do sinerxías e ampliación da rede de contactos dos emprendedores. Do mesmo xeito, AJE-A Coruña celebrará no CEM un evento de presentación de pemes para axudar na difusión dos novos empresarios e dos seus proxectos.

Asesoramento a 60 firmas en 2016

Presente no CEM do Gaiás desde 2015, AJE-A Coruña atendeu durante o ano pasado un total de 60 emprendedores para brindarlle axuda e asesoralos nos seus plans de empresa. Ademais, preto de 200 persoas participaron nalgunha das actividades realizadas na Cidade da Cultura, colaborando coas Cámaras de Comercio de Santiago e A Coruña, coas universidades e outras asociacións de empresarios.

Actualmente, a asociación provincial agrupa 350 empresas e encara este novo ano con tres obxectivos que estende ao seu labor no CEM: dinamización do tecido empresarial, creación de emprego e fomento da internacionalización.