Acción Cultural

A Cidade da Cultura presenta unha programación que pon toda a potencia e beleza arquitectónica deste proxecto ao servizo da cultura, unha programación dirixida a que todos os públicos se sintan representados e a que cada persoa atope a súa razón para achegarse ao Gaiás. Con ela, este espazo énchese de vida, convidando os cidadáns a explorar os diferentes campos da arte e do coñecemento.

Con este obxectivo apostamos por unha programación aberta, plural e multidisciplinar, atenta ás novas linguaxes e tendencias creativas, pero que asume a función de pór en valor o patrimonio cultural galego, traballando pola súa proxección no espazo, para chegar a novos territorios, e tamén no tempo, buscando formatos imaxinativos e actuais para seducir as novas xeracións.

O Gaiás quere converterse nunha “factoría de proxectos” que dinamice o noso tecido de industrias culturais, unha plataforma que lle dea visibilidade ao mellor das nosas expresións artísticas e un punto para o intercambio de ideas e experiencias, conectando Galicia ás redes nacionais e internacionais de creatividade e coñecemento.

Esta programación aposta polos creadores e, de xeito moi especial, polos artistas máis novos. Os talentos emerxentes atoparán no Gaiás novas vías para ampliar a súa formación, oportunidades para coñecer as realidades culturais doutros países e espazos para entrar en contacto con talentos xa consolidados, recursos todos eles dirixidos a pór as bases dunha cidadanía máis creativa.

Cómpre destacar o apoio e a confianza a esta programación do padroado da Fundación Gaiás, o seu pulo e a confianza  no proxecto resultan esenciais para pólo en marcha, convertendo a Cidade da Cultura no verdadeiro factor de dinamización social e cultural para Galicia.

Para acadar os obxectivos desta programación, agrupamos as súas actividades en seis apartados:

  1. VISITAR | A cidade ábrese a novos públicos, ampliando as posibilidades para coñecela, e facendo delas experiencias participativas e enriquecedoras.
  2. EXPLORAR | Presentamos un amplo mapa de itinerarios para aventurarse polos camiños máis clásicos ou máis contemporáneos dos territorios da música, das artes escénicas, da escultura, da literatura, do pensamento ou de calquera outra disciplina artística.
  3. CREAR | Promovendo novos proxectos artísticos e todas cantas iniciativas permitan impulsar novos procesos creativos.
  4. APRENDER | Accións formativas dirixidas a potenciar a formación dos novos artistas e xestores culturais non só a través de adquisición de coñecementos en novas habilidades, senón da experiencia compartida e da apertura a novas realidades.
  5. INTERCAMBIAR | Creación de espazos para o intercambio de coñecemento e experiencia, favorecer a interconexión con outros centros e institucións nacionais e internacionais.
  6. SUMAR | Sendo “socios activos”, complementando, artellando e vertebrando outras iniciativas culturais.

Seis categorías que marcan os vieiros dun novo e vibrante territorio cultural, para que cada quen elixa como participar nese amplo abano de exposicións, espectáculos, encontros, programas de formación; en definitiva, opcións todas elas para  vivir ese proxecto colectivo que é a Cidade da Cultura.