YAMsession: Concerto Balkan Paradise Orchestra

A Balkan Paradise Orchestra promete facernos bailar na Cidade da Cultura de Galicia. A YAMsession 2018 tráenos en concerto a esta agrupación, formada integramente por mulleres, que transforma o xénero da comparsa combinando diferentes influencias da música contemporánea coa tradición da música balcánica. Será ás 21:30 horas no Museo Centro Gaiás (Planta -1). A entrada é de balde, previa retirada de convite no Museo Centro Gaiás.

A Balkan Paradise Orchestra comezou a súa viaxe no ano 2015 en Barcelona. Formada por instrumentistas de vento e percusión, a agrupación trouxo consigo unha atmósfera fresca e viva ao espectáculo da música balcánica. Con diferentes enfoques, experiencias e influencias, pero compartindo todas elas a xúa paixón pola tradición musical do Balcáns, ofrecen un espectáculo cargado de enerxía que funciona tanto na rúa como no escenario e que contaxia ao público a súa ledicia e ganas de celebrar.

Este concerto encádrase dentro da programación da YAMsession 2018, o maior encontro europeo para produtores, artistas, produtores e programadores que traballan no sector musical dirixido á cativada e á mocidade. A YAMsession celébrase na Cidade da Cultura do 17 ao 19 de outubro e no seu programa inclúe actuacións dalgunhas das mellores producións internacionais para público infantil e xuvenil, como este concerto da Balkan Paradise Orchestra. Os asistentes participarán tamén nun foro de produtores, charlas e paneis de debate coa presenza de expertos relatores internacionais. Ademais, a Cidade da Cultura será o escenario para a cerimonia de entrega dos YAMawards, galardóns nos que se premian as mellores producións musicais do ano destinadas ao público máis novo.