Visitas didácticas | Outono-inverno

VISITA CONXUNTA ÁS EXPOSICIÓNS DA ÁRBORE Á CADEIRA E FLOR NOVONEYRA

Duración: 70 minutos

Da árbore á cadeira

Obras de Castelao, Laxeiro ou Lugrís, xunto con deseños de mobiliario de Díaz Pardo, Alejandro de la Sota ou Xosé Bar Bóo... Unha oportunidade única para que a comunidade educativa afonde na conexión íntima entre a natureza e o deseño, como dous aspectos fundamentais na nosa vida e entenda como funciona o deseño contemporáneo e o papel que ocupa na vida cotiá. A través dun programa educativo adaptado a todos os niveis de estudo, profundaremos na valoración da nosa paisaxe natural, no papel da árbore na nosa construción cultural, na transformación da materia prima para habitar o noso espazo doméstico e nos segredos do deseño contempo.

Flor Novoneyra

Antón Lamazares fusiona a súa pintura cunha selección de versos de Uxio Novoneyratraducidos ao alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental creado polo propio artista. Os cadros de Lamazares e os poemas de Novoneyra flúen no cadro sen deixar nada ao azar. As pinturas do artistas, traballadas como soños, variacións, brillos e capas que nos trasladan a grandes teas rothkianas están elaboradas a base de cores da nosa terra, da nosa luz e do noso imaxinario. E o soporte, humilde e transgresor, traballado como a terra se traballa na aldea, sementado, mollado e secado, o cartón. Realizaremos unha introdución á devandita mostra para que os alumnos e alumnas, tras descubrir os segredos destes dous grandes da cultura galega poidan desfrutar das súas particulares obras.

VISITA A ARQUITECTURA DA CIDADE DA CULTURA

Duración: 60 minutos

Familiarizar os/as estudantes co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo  principal destas visitas didácticas. Descifraremos o código destes  maxestosos  edificios  a través dun percorrido exclusivo ideado para profundar no proxecto construtivo.

A visita inclúe o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o Centro de Interpretación da Cidade da Cultura coas maquetas dos proxectos presentados ao concurso arquitectónico que tivo lugar no ano 1999, a Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk.  Ademais este ano agárdanvos moitas outras sorpresas accedendo a espazos restrinxidos ao público xeral!

 
Aula Gaiás