Visitas didácticas | Curso 2018-2019

Neste curso 2018-2019 o Gaiás convértese nunha ferramenta educativa de primeira orde, coa celebración de grandes exposicións de diferentes temáticas ao longo do ano lectivo, e mantendo os seus contidos habituais de arquitectura e natureza. Estas mostras supoñen unha grande oportunidade.  Preséntase un amplo abano de visitas comentadas gratuítas, adaptadas aos diferentes niveis académicos, para que os centros educativos poidan tirar o máximo proveito de todos os recursos que as exposicións e contidos do Gaiás facilitan á comunidade educativa.

VALOR E MESTRÍA. GALICIA COMO FÚTBOL
Visitas educativas a partir do 5 de marzo ata fin de curso
Duración aproximada: 60 minutos

Vinde coa vosa aula a visitar a exposición máis ambiciosa sobre o fenómeno do fútbol na nosa comunidade! Máis de 300 pezas que permiten achegarse a este exitoso deporte dende a súa dimensión histórica e cultural.

Comisariada por Xosé Antón Castro Fernández e Rubén Ventureira Novo, a mostra arranca en 1876, data á que algúns historiadores apuntan como primeira referencia ao fútbol en España é Vigo. Ao longo de 142 anos o fútbol galego foi protagonista en numerosos momentos estelares. Nomes históricos como Luis Suárez, Amancio, Marcelino, Buyo, Fran ou Vero Boquete ou equipos como o Pontevedra do 'Hai que roelo', o Celta que brillou en Europa ou o Súper Dépor.

O título da exposición vén da descrición que deste deporte fixo Eduardo Blanco Amor. Unha ocasión para aproveitar a cultura deportiva como apoio aos valores universais no ensino.

PENSAR COAS MANS. CESTERÍA, CERÁMICA E XOIARÍA DE GALICIA 
Visitas educativas a partir do 14 de abril ata fin de curso
Duración aproximada: 60 minutos

O Museo Centro Gaiás proponvos unha viaxe no tempo polas artesanías de Galicia, dende as orixes ata a actualidade. Un percorrido de 250 pezas que conta tamén coa colaboración de 65 artesáns. Poderemos analizar a evolución e pervivenza da tradición nas tres especialidades históricas (cestería, cerámica e xoiería).

Veremos pezas dende a Prehistoria, con achados e obras nas que se amosarán as creacións e tendencias desde a Idade Media ao Barroco, así como o grande estímulo que protagonizan as tres artesanías presentes na mostra en canto á fusión, experimentación e creatividade. Comisariada por Verónica Santos Farto, a mostra contará cun orixinal e artístico formato expositivo, deseñado pola arquitecta Izaskun Chinchilla. Unha excelente oportunidade para achegarnos e coñecer dun xeito atractivo o universo artesá de Galicia, unha pegada propia que nos relaciona co mundo!

GAIÁS: ARQUITECTURA E NATUREZA
Visita dispoñible todo o ano
Todos os niveis educativos
Duración aproximada: 60 minutos

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo  principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación co entorno paisaxístico e natural no que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, cos proxectos presentados ao concurso arquitectónico que tivo lugar no ano 1999, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk.

BOSQUE DE GALICIA
Visita dispoñible todo o ano*
Educación Primaria e Secundaria
Duración aproximada: 60 minutos


As visitas ao Bosque de Galicia fan posible que os grupos se asomen aos espazos verdes do Gaiás para coñecer e valorizar os elementos do noso medio natural e aprender a identificar as plantas da nosa contorna, as súas utilidades e a importancia da súa preservación. Aproveitando a variedade natural existente nas 34 ha do monte Gaiás, a comunidade educativa poderá gozar dun roteiro interpretativo da paisaxe galega, con todo un catálogo de especies arbóreas que favorecen o coñecemento próximo do noso ecosistema (bidueiros, carballos, salgueiros...).

*Observación: As visitas ao Bosque de Galicia están suxeitas a modificación ou cancelación no propio día en función do tempo meteorolóxico. En tal caso, ofertarase ao grupo afectado unha visita alternativa.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2