A sutil arte da tipografía

A tipografía é unha arte sutil e omnipresente, que nos arrodea, adoito dun xeito imperceptible, discreto, constante, con efectos que sentimos case inconscientemente e sen nos decatarmos apenas da súa presenza. Sentimos na lectura, a sensación de lixeireza das letras de pau seco, a elegancia dos tipos clásicos, a fermosura dos modernistas, o aire antigo e xermánico das letras góticas. Lemos carteis, libros e revistas, anuncios e sinais de tipografía sen que pensemos case nunca na arte, na bondade e adecuación da forma na que nos chega e que se nos presenta.

Durante séculos, desde o nacemento da imprenta, a tipografía converteuse no medio polo que a cultura escrita nos chega: a filosofía, a relixión, a crítica e a creación literaria, os soños e as crenzas do ser humano os vemos a través de sutís trazos e case imperceptibles variacións en liñas, tamaños, grosores e equilibrios. Neses pequenos e case imperceptibles detalles está a esencia, o segredo agochado da fermosura e lexibilidade dun xogo de letras. 

Esas creacións artísticas consérvanse agochadas, pero cheas aínda de vitalidade, nos máis fermosos libros que saíron das prensas. Hoxe queremos abrirmos as páxinas dalgúns dos mellores libros da extraordinaria colección de ABANCA, para que a súa beleza se faga patente, explicada e ordenada para axudar a comprender a creatividade, a imaxinación e a arte que moitos artistas puxeron nela, para faceren da tipografía unha das máis apaixonantes, malia que descoñecida, das artes.

A imprenta, que pouco a pouco vai converterse nunha arte en por si, con características, estilos e elementos propios, nace, no entanto, como imitación, que se busca o máis exacta posible, do libro manuscrito que lle antecede no tempo.

Son os seus estilos e son as súas formas as que van definir os primeiros tipos de letras utilizados polos impresores. Esta dependencia, da que vai irse liberando a tipografía devagar, marcará, non obstante, boa parte dos seus primeiros tempos.

Unha boa parte dos exemplares, das pequenas e grandes xoias da colección de ABANCA deben parte do seu encanto e do seu valor ao perfecto uso e mestría da súa letra, da confección das súas páxinas, do equilibrio e fermosura na distribución de espazos.

A exposición consta de catro partes, con subseccións, que recollen o esencial da evolución da tipografía, aproveitando o feito de que a colección de Abanca conta cunha completa serie de extraordinarias obras dende as orixes do libro ata o século XX.

 
Exposicións