Santiago. Protección e transformación da cidade

Dende o venres 11 de maio ás 12:30 horas, data da inauguración, ata o 26 de xuño permanecerá aberta no Arquivo de Galicia a exposición Santiago. Protección e transformación da cidade no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Esta mostra inscríbese dentro das actividades organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria baixo o lema "Somos patrimonio" para contribuír á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, tras a súa declaración polo Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea. Con esta exposición, o Arquivo de Galicia quere contribuír ademais á difusión dos seus fondos e a dar a coñecer algúns dos cambios experimentados na cidade de Santiago ao longo dun período de corenta anos.

O fundamento documental da exposición está formado polos Expedientes de autorización de concesión de licenzas de obra por parte dos concellos (1944/1998) que se custodian no Arquivo de Galicia.

Estes expedientes foron producidos polas diferentes Comisións do Patrimonio Histórico-Artístico que se suceden no tempo e conteñen un gran número de fotografías que evidencian moitas das transformacións da cidade. Son estas fotografías as que constitúen o eixo do relato, centrado especialmente a partir da segunda metade da década de 1960, época na que se acelera o ritmo do crecemento urbanístico da cidade.

Xunto a estas fotografías amósanse tamén algúns planos transferidos pola Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Un total de 103 documentos que se complementan coa reprodución de deseños de rótulos presentados para a súa autorización e de imaxes actuais dos mesmos lugares que capturan as fotografías antigas.

 
Exposicións