Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago

Con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, a Cidade da Cultura acolle unha pequena mostra que pon en valor os fondos da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, que veñen de ser depositados no Arquivo de Galicia para garantir a súa conservación e posta á disposición de investigadores e cidadáns. 

A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago foi creada por Real Cédula de Carlos III do 23 de setembro de 1784, coa finalidade de aplicar as novas ideas e coñecementos científicos derivados da Ilustración.  Cómpre lembrar que a Sociedade Económica foi o berce da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago –que co tempo se converteu en Caixa Galicia–, do Ateneo de Santiago, a Escola de Artes e Oficios, o Conservatorio de Música, a Escola de Debuxo e outras institucións académicas, benéficas e culturais. O fondo histórico depositado abrangue un período cronolóxico entre os anos 1784 e 1986 e está constituído por 177 caixas, 7 libros de actas e 35 carpetas de material gráfico.

Os materiais do fondo seleccionados para esta mostra ilustran ao visitante sobre como foi a organización e cales foron as principais actividades desenvolvidas pola sociedade ao longo do tempo. Os seus primeiros estatutos, o primeiro libro de contas, actas, memorias, estudos e informes sobre os avances máis salientables para a promoción da pesca, a agricultura, a industria ou o comercio, así como debuxos de profesores e alumnos da Escola de Debuxo ou fotografías da Escola de Música, constitúen o groso desta exposición temporal, que se pode ver na Aula 1 do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h