Programa educativo Da árbore á cadeira

A exposición Da árbore á cadeira que reunirá obras de arte de artistas como Castelao, Laxeiro ou Lugrís xunto con deseños de mobiliario de Díaz Pardo, de la Sota ou Xosé Bar Bóo, supón unha oportunidade única, como ferramenta de excepción, para que a comunidade educativa afonde na conexión íntima entre a natureza e o deseño, como dous aspectos fundamentais na nosa vida. A través dun programa educativo adaptado, a disposición de centros e grupos de todos os niveis de estudo, profundaremos na valoración da nosa paisaxe natural, do papel da árbore na nosa construción cultural, da transformación da materia prima para habitar o noso espazo doméstico e dos segredos do deseño contemporáneo.

Obxectivos

  • Comprender a importancia da preservación da natureza para protexer un ecosistema habitable e sostible.
  • Reflexionar sobre o papel da árbore e o bosque na construción cultural galega, como icona da paisaxe e a arte de Galicia.
  • Analizar de xeito crítico o papel do deseño na nosa vida cotiá como ferramenta para a humanización do espazo.
  • Poñer en valor os logros de diferentes arquitectos e deseñadores galegos na creación de mobiliario contemporáneo.
  • Incentivar nos estudantes a observación activa do medio natural, contribuíndo á súa formación ambiental. 

Metodoloxía

As actividades educativas consisten nunha visita comentada, cun percorrido discursivo adaptado aos diferentes niveis educativos, para coñecer a mostra e os seus contidos. Durante a visita estimularase a participación activa dos estudantes.

A actividade ten unha duración recomendada de 75 minutos. Por debaixo desta duración o persoal educativo non pode garantir o desenvolvemento completo da actividade.

Ofértase aos docentes a posibilidade de efectuar unha visita previa á mostra para unha mellor preparación da actividade. Sempre que sexa posible, recoméndase esta visita previa co persoal educativo da Cidade da Cultura como procedemento óptimo para a preparación e desenvolvemento das actividades.