Ponnos verde! Planta unha árbore no Bosque de Galicia

Convidámosvos de novo a que nos poñades verde, dun xeito que presta tanto como é o de vir plantar árbores autóctonas ao Bosque de Galicia.

A Cidade da Cultura de Galicia volve pedir a vosa colaboración simbólica na construción do Bosque de Galicia, nesta segunda etapa recentemente iniciada, plantando unha árbore no Gaiás, a través da Fundación Cidade da Cultura, co apoio da Fundación USC Deportiva e o patrocinio de Viaqua.

Deste xeito, ben sexa por iniciativa individual ou en grupo poderedes acudir os sábados pola mañá e contribuír a encher de vida as ladeiras do monte Gaiás.

Dúas quendas por día

En cada xornada organizaranse dous grupos de 25 persoas: a primeira quenda ás 10 e a segunda ás 12 horas e ademais de plantar unha árbore, os participantes faredes un percorrido polo Bosque de Galicia, coñeceredes de primeira man o proxecto e levaredes para casa unha fotografía e un diploma que recorde e acredite, respectivamente, a vosa contribución a este espazo verde. A actividade é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.fundacionuscdeportiva.org.

A participación cidadá é un xesto simbólico co que procuramos, de novo, implicarvos na área verde que supón o Bosque de Galicia para Santiago de Compostela.

Segunda fase do Bosque de Galicia

A Xunta de Galicia puxo en marcha en agosto os traballos da II Fase do Bosque de Galicia, un proxecto que suporá a ampliación en dez hectáreas e 4500 árbores de especies autóctonas da superficie verde que se está a plantar nas ladeiras do Gaiás, ao redor da Cidade da Cultura.

Estes novos traballos, que están sendo realizados polos técnicos da empresa pública Seaga, afectan á ladeira suroeste do monte. Cando se rematen, o Bosque de Galicia contará cunha superficie total de 34 hectáreas e preto de 12.000 árbores novas, que se suman ás existentes antes de iniciarse o proxecto. O resultado será unha ampla alfombra verde destinada ao ocio ao aire libre de todos os galegos e un pulmón ecolóxico cun impacto positivo sobre o metabolismo medioambiental de Santiago.

A segunda fase prevé tamén a construción de dous novos quilómetros de sendas, que se suman aos 3,2 construídos. Deste xeito, o bosque contará con cinco quilómetros de sendas cun sistema de iluminación de baixo consumo que permitirá o seu uso en horario de pouca luz natural. Ademais, haberá áreas de descanso e unha terraza con vistas sobre Santiago.

As novas sendas facilitarán o acceso peonil desde o Sar ate a Cidade da Cultura, desembocando no entorno do museo, do Xardín Literario e das Torres Hejduk. Acurtarase, polo tanto, o tempo daqueles que desexen achegarse a pé. O proxecto inclúe tamén o que será o acceso principal ao Bosque de Galicia a través da rúa Diego Bernal.

 
En familia
 
21 de Dec 2017 - 7 de Xan 2018
De 10 a 20 horas
26 de Decembro
De 17.30 a 18.30
27 de Decembro
De 12 a 13 horas
28 de Decembro
12 horas
2 de Xaneiro de 2018
De 17.30 a 18.30 horas
3 de Xaneiro de 2018
De 12 a 14 horas
4 de Xaneiro de 2018
De 12 a 13.30 horas