Planta unha árbore no Bosque de Galicia

Todos os sábados estades convidados a subir ao Gaiás e contribuír á construción do Bosque de Galicia, a nova zona verde de Santiago de Compostela.

En dúas quendas -10 e 11:30 horas- e organizados en grupos de 25 persoas, os participantes farán un percorrido polo Bosque de Galicia e coñecerán de primeira man todos os aspectos ambientais e paisaxísticos do proxecto, para logo poñer o seu grao de area e contribuír á súa construción coa plantación simbólica dunha árbore. Cada un dos participantes levará para casa unha foto que inmortalice o seu xesto e un certificado que o acredite e rematará a xornada cunha bebida quente na Cantina do Gaiás.

O Bosque de Galicia ábrese tamén á comunidade escolar cunhas visitas especiais entre o 23 de marzo e o 24 abril, de luns a venres, en horario de 11 a 13 horas. A actividade está dirixida para escolares de entre 8 e 12 anos e estarán acompañados de dous monitores en todo o percorrido. Aqueles centros que estean interesados terán que poñerse en contacto coa Fundación USC Deportiva no teléfono 881 975 399 ou no mail contacto@fundacionuscdeportiva.org.

Unha forma lúdica e didáctica de ser parte do 'Bosque de Galicia' e adquirir valores ambientais e hábitos de vida saudables.