Nexos 2018

Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do coñecemento, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en xaneiro de 2018 da man de Marcos Lorenzo, combinando relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido.

Nesta sexta edición abordaremos as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais nunha sociedade individualista; analizaremos as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia; preguntarémonos polo estado do noso patrimonio cultural e polas fórmulas necesarias para poñelo en valor; achegarémonos á actualidade do mundo árabe e musulmán sen os lentes deformantes de Occidente; e coñeceremos un chisco máis sobre a renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa.

No apartado artístico, redobraremos a nosa aposta por dar voz ao talento galego a través de producións propias, creadas en exclusiva para Nexos.

Cinco sesións a celebrar na Biblioteca de Galicia e que rematarán cun convite a un viño e un petisco, cortesía de Conservas Antonio Pérez Lafuente e Bodegas Martín Códax. Porque diso se trata, de ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados.