II Encontro de Artistas Novos - Set 2012

A Cidade da Cultura de Galicia celebra a segunda edición do ENCONTRO DE ARTISTAS NOVOS «CIDADE DA CULTURA» que terá lugar entre os días 9 e 14 de setembro do 2012 na Cidade da Cultura de Galicia, que volverá converterse en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea, e aqueloutros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección no mundo real.

Obxectivos

  • A convivencia entre artistas novos galegos e os procedentes doutros lugares
  • Debater sobre a situación actual da Arte Contemporánea
  • Proporcionar un espazo de encontro e intercambio de coñecementos e ideas entre artistas e outros axentes culturais (comisarios, críticos, etc.)
  • Darlles a coñecer aos seus participantes as principais infraestruturas do territorio galego dedicadas á arte contemporánea

Para a consecución destes obxectivos, o programa de seis xornadas incluirá:

Percorridos

Realizaranse visitas ás principais institucións galegas centradas na promoción da arte contemporánea. A Cidade da Cultura de Galicia, o CGAC~Centro Galego de Arte Contemporánea, MARCO~Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e MACUF~Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa Gas Natural, abren as súas portas para mostrar a súa actividade recente.

O Autor e a súa Obra

A través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea, o participante poderá entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística.

Foro Aberto

Todos os participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal.

Como punto de encontro, e entendendo que é necesario establecer redes de intercambio entre os novos artistas e mais os axentes do sector, coa fin de estimular a colaboración mutua, esta segunda edición incorpora unha nova figura: os «Art Followers»: David Barro, Javier Díaz Guardiola, Guillermo Espinosa, Laura López Marín, Tania Pardo, Sergio Rubira, e Manuel Segade, son os críticos ou comisarios que agora actuarán como observadores.