Entroido Mareiro

A Cidade da Cultura de Galicia celebra o Entroido 2018 co seu xa tradicional baile ao que este ano se suman dous obradoiros infantís de fabricación de máscaras. Nesta ocasión, mergullarémonos no fondo do mar durante dous días cun ‘Entroido Mareiro’ moi especial.

O día 12 de febreiro a partir das 17:30 horas celebraremos o Baile de Entroido no Museo Centro Gaiás, que se encherá de personaxes chegados de todos os recantos dos océanos. A festa, á que será obrigatorio asistir cun disfrace relacionado co mundo do mar, estará amenizada cun espectáculo de música ao vivo a cargo de Pablo Díaz e a banda Tic, Tac, Toc e cunha sesión de Fixemberg DJ.

Ademais, tanto luns 12 como martes 13, en horario de 10.30 a 13.30 horas, prográmanse dous obradoiros de fabricación de máscaras destinados a rapaces e rapazas de entre 9 e 11 anos. Nesta actividade, experimentaremos coas máscaras do entroido tradicional galego para crear unha versión única e xenuína empregando materiais cotiás e de refugallo.

 
En familia