Emilio Rúa

A Cidade da Cultura de Galicia acolle o primeiro concerto do último traballo de Emilio Rúa, Duetos,  no que contou coa colaboración de Pablo Milanés, Rozálen, La Shica, Rebeca Jimenez, Carmen París, Josele Santiago,Carlos Goñi, Soledad Gimenez, entre outros, entre os que se atopan Víctor Manuel, Rosa Cedrón ou Vicky Gastelo, que subirán con el no escenario do Museo Gaiás.

Emilio Rúa atópase na plenitude da súa madurez musical. Nestes últimos anos, en paralelo a súa actividade musical en directo, estivo a traballar no disco Duetos, un álbum que colmará as expectativas dos seus seguidores e descubrirá ao compositor e artista de Ourense para aqueles que aínda non o coñecen.

Un concerto moi especial para despedir a programación de Verán no Gaiás 2018, tras tres meses con preto de 70 actividades para todos os públicos, pensados na súa meirande parte para gozar ao aire libre e en contacto coa natureza, e onde a música tivo un espazo salientable como demostrou o feito de a apertura das accións de estío fose co concerto Son de Seu, o exitoso ciclo Atardecer no Gaiás ou a celebración na Cidade da Cultura da XV Romaría Coral Galega.