Día da Música 2018: Concerto de SondeSeu

A Cidade da Cultura bota a andar a súa programación de verán festexando o Día da Música cun 'concerto-foliada' de SondeSeu Orquestra Folk de Galicia para darlle a benvida ás longas noites do verán e a toda a programación estival, na que a música é o prato forte. A cita será o venres 22 de xuño na Praza Central do Gaiás, onde SondeSeu presentará o seu espectáculo Arraianos nun concerto con entrada libre e de balde, organizado pola Fundación Cidade da Cultura coa colaboración da Agadic.

SondeSeu presentará por primeira vez en Galicia o seu espectáculo Arraianos, unha explosión de forza e enerxía interpretativa sustentada na contundencia do son propio da agrupación que incorpora ademais a colaboración de tres dos artistas máis virtuosos da escena folk ibérica do momento. Vanesa Muela (Laguna de Duero) traerá ao Gaiás a voz e a percusión de Castela e León; Asturias estará representada polo gaiteiro Xuacu Amieva (Mazucu, Llanes); e de Portugal conteremos co multinstrumentista e productor Daniel Pereira (Braga). Estes artistas, raianos con Galicia, tocarán con SondeSeu que conta entre as súas las a Mestres da música tradicional como Rodrigo Romaní, Xisco Feijoo, Anxo Pintos, Xosé Liz, Xaquín Xesteira ou Alfonso Franco.

Arraianos ilustra as influencias que de xeito recíproco alimentan a expresión da música popular nos imaxinarios límites xeográcos da cultura galega. Os mellores ritmos e melodías populares de Castela e León, Asturias e Portugal emerxen coa linguaxe orquestral de SondeSeu e convértense nunha auténtica festa da cultura da Península Ibérica que traspasa os límites e impón unha nova xeografía sonora onde nada é o que parece.

SondeSeu

SondeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.

A formación nacía no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios –hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional– de Vigo, experiencia singular que persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con varias publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. Os seus concertos ao vivo son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana.

 
Música & Escena