Cidade Verde

Música, deporte e obradoiros cos que descubrir a natureza dun xeito divertido. A Cidade da Cultura de Galicia celebra o vindeiro 25 de marzo a chegada da primavera cunha xornada na que gozar dos seus espazos verdes en familia. Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Bosques (21 de marzo) e do Día Internacional da Auga (22 de marzo), o Gaiás, da man de Viaqua, pon en marcha un completo programa de actividades desde as 11 da mañá no que a diversión irá da man do fomento da conciencia ecolóxica, a sustentabilidade, a vida activa e o coidado do medio. 

O Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o Parque do Lago serán os escenarios de catro obradoiros nos que grandes e pequenos aprenderán toda unha serie de habilidades para sobrevivir na natureza, irán na busca do tesouro seguindo as pistas que atoparán nos diferentes tipos de árbore, aprenderán a predicir o tempo mentres se mergullan nos segredos do ciclo da auga e mesmo crearán a súa propia música a través de elementos naturais como ramas, follas ou herbas. Ademais dos obradoiros creativos, a Cidade da Cultura promove o fomento de hábitos de vida saudables cuns roteiros en familia nos que descubrir nun percorrido circular de pouco máis dunha hora os espazos verdes do Gaiás. E unha divertida carreira popular lúdica na que o importante non é gañar, senón celebrar a chegada da primavera cunha explosición de cores seguindo a tradición ‘Holi’ da India. A xornada rematará cunha festa colectiva no Parque do Lago, onde todos os participantes poderán converterse en DJs e elixir a música perfecta para pechar un día dedicado a gozar da natureza en familia.

 
En familia